O Concello de Monforte abrirá mañá martes día 10 o prazo de inscrición do Programa Activa 2020. O prazo de inscrición rematará o día 20 de marzo.
Todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, subvencionadas ó 100% polo Concello. Ademais, todas están programadas para dar comezo a partires do mércores 1 de abril, tanto no Centro Cívico de Monforte como nas parroquias.
Unha das novidades este ano é que entre todos os inscritos e inscritas levarase a cabo un único sorteo público de prazas, polo que non se adxudicarán por orde de entrada. Do mesmo xeito, existirá un período extraordinario de solicitudes ata o mes de agosto, no que se darán altas a razón das baixas que se poidan ir producindo.
Os obxectivos do programa non son outros que favorecer o envellecemento activo dos seus participantes, promover o intercambio interxeracional e a participación social dos veciños e veciñas de Monforte.
Deste xeito, ofértanse un total de 14 actividades distribuídas en 25 grupos no Centro Cívico, divididas en dous bloques segundo a idades (actividades para maiores de 55 anos e actividades para maiores de 14 anos) e 5 actividades nas parroquias.
Convócanse un total de 637 prazas (en 2019 foron 590 prazas) das cales, 387 corresponden a actividades do Centro Cívico e 250 prazas ás parroquias. Son 47 prazas máisque en 2019, polo que outra das novidades este ano é ampliación de prazas en aquelas actividades con maior demanda en pasadas edicións.
As actividades deste programa desenvolveranse en dous períodos: nos meses de abril a xuño e de setembro a novembro tanto no Centro Cívico Social coma nas parroquias, cunha duración total de 25 horas cada actividade por trimestre.
Programa Activa 2020 no Centro Cívico
As actividades ofertadas no Centro Cívico de Monforte son ximnasia de mantemento, ximnasia acuática, conservando a memoria, risoterapia, manexo do móbil, inglés, iniciación en manualidades, baile de iniciación e perfeccionamento, costura creativa, encaixe de bolillos, cociña consciente e saudable, fotografía dixital, beleza e saúde natural e pilates.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades das que se celebrarán no Centro Cívico poderán presentar a súa solicitude na Secretaría dos Servizos Sociais, situada no primeiro andar do Centro Cívico, no Rexistro municipal, ubicado na Casa do Concello, ou ben na sede electrónica da web do Concello.
Programa Activa 2020 nas parroquias
As actividades ofertadas nas parroquias son ximnasia de mantemento, conservando a memoria, manualidades, baile e risoterapia.
No caso das parroquias, serán os representantes destas os que soliciten a concesión dunha actividade das ofertadas. Os/as veciños/as interesados en participar na actividade dirixiranse ó responsable da parroquia para inscribirse na actividade concedida.
Novidades plan Activa 2020
- Incremento do número de horas así como do número de prazas ofertadas, que son 47 máis que en 2019, e que alcanzan as 637 prazas.
- Ampliación de prazas en actividades con maior demanda no ano 2019: en ximnasia acuática, en fotografía dixital, e en pilates.
- Ampliación de grupos en actividades máis demandadas: manexo de móbil (3 grupos), inglés (básico e avanzado), ximnasia de mantemento (2 grupos), baile (iniciación e perfeccionamento)
- Nos cursos de cociña saudable, inclúese un apartado novo: “Cociñas do Mundo”.
- Mantense a reserva prazas para persoas con discapacidade (1 praza por grupo)
Consulta e descarga aquí os documentos
Catálogo Actividades Activa 2020