O Concello celebra con actos o 8 de marzo “Día internacional da Muller”, homenaxeando ás lavandeiras de Monforte a través dun mural no Cuadrado do Parque dos Condes

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2025. O Concello de Monforte, desde a súa Concellería de Igualdade, e o Centro de Información á Muller (CIM) non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Deste xeito, na mañá de hoxe, tivo lugar a Concentración oficial polo “Día internacional da Muller” que se levou a cabo no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes.

O acto principiou coa lectura do Manifesto, que correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. Tamén estiveron presentes diversos membros do Equipo de Goberno: o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e Tecnoloxía, Guillermo Díaz; así como da Corporación Municipal, as responsables do Centro de Información á Muller, e numerosos veciños e veciñas de Monforte.

A Concelleira de Muller e Igualdade desculpou a ausencia do Alcalde, José Tomé Roca, xa que por motivos ineludibles de axenda, foille imposible participar no acto, ó igual que membros do Equipo de Goberno.

A continuación, procedeuse á inauguración dun Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar.

“Dende o Equipo de Goberno, con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López.

Tras a inauguración do mural adicado ás lavandeiras, repartiuse entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe do Mural, en concreto, libretas e bolsas de tela.

Moitos asistentes aproveitaron para sacarse fotos no mural de homenaxe ás lavandeiras,             que está tendo moita aceptación entre os monfortinos e monfortinas.

 

Mural que reivindica a figura das Lavandeiras de Monforte

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Nun dos laterais do mural poderase ler “Lavandeiras” e no  outro “do Río Cabe”, con letras que continúan a paisaxe e que se debuxan recortando a pintura e sen trazar.  Sobre a “ese” de “Lavandeiras” unha lavandeira paxaro observa a estas mulleres.

Respecto da autora do mural, Xoana Almar é unha artista nada en 1983 en Santiago de Compostela. Licenciada en Economía pola USC, licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Granada e conta cun Ciclo Superior de Ilustración da Escola de Arte de Granada.

No 2013 creou xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta a empresa cooperativa Cestola, onde se adican á pintura, a ilustración e o muralismo, pintando sobre todo murais en festivais, para Administracións Públicas, empresas, asociacións e particulares, contando actualmente con máis de 100 murais realizados. A maioría deles son realizados en cidades, pobos e aldeas galegas, pero tamén traballaron en Madrid, Valencia, Estremadura, Aragón, Asturias, Andalucía e Euskadi, e en países como Portugal, Alemaña e Francia.

 

Pola tarde, dende as 19:30 h. ata as 00:00 horas, está prevista a iluminación en cor malva da Torre da Homenaxe, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

 

MANIFESTO DO CONCELLO DE MONFORTE 8 DE MARZO 2025, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Dende o Concello de Monforte conmemoramos este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o noso compromiso cos dereitos das mulleres, cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local, a través do impulso de medidas concretas que reforcen os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan protagonistas do seu propio presente e do seu futuro.

Este ano conmemoramos o 8M baixo a lema “Dereitos, Igualdade e Apoderamento. Para todas as mulleres e nenas”, un lema promovido desde a ONU-Mulleres, a través do cal facemos un chamamento á acción para acadar a igualdade de dereitos e oportunidades para todas as mulleres, e en especial as mulleres novas e as nenas, agora que se compren 30 anos de Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada por 189 gobernos durante a 4ª Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada na capital chinesa.

Naquel ano 1995 sentáronse as bases para o avance dos dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo, desde a intervención nas políticas, nos programas e no investimento que teñen efecto na educación, na saúde, na paz, nos medios, na participación política, no apoderamento económico e na eliminación da violencia que aínda padecen.

Trinta anos despois segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas no fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación.

E para elo, debemos traballar arreo na promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas para acabar coas desigualdades, e no impulso do empoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderazgo e os espazos de toma de decisións.

Hoxe estamos aquí no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes para render unha merecida homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, homenaxe que dende o Concello reflexamos neste mural, pintado pola artista Xoana Almar.

 

O noso río Cabe, testemuña silenciosa do paso do tempo, de tantas persoas e de tantas historias, contaríanos moitas cousas se puidera falar. Hoxe, lembramos ás protagonistas dunha desas historias, as Lavandeiras do Río Cabe, pretendendo con elo facer unha homenaxe a aquelas mulleres que co seu esforzo e traballo ingresaron ao mundo do emprego remunerado e contribuíron a sacar adiante ás súas familias e ás súas casas.

O lavado de roupa, con todo o proceso que implica, era unhas das ocupacións laborais máis estendidas entre as mulleres con poucos recursos económicos que vinculábanse ás tarefas tradicionais da ama de casa e que se converteu nun medio de vida, un traballo co que poder subsistir, un oficio pouco recoñecido, mal pagado e sometido ás inclemencias do tempo.

Estas mulleres valentes e loitadoras enfrontábanse día tras día, ao frío ao calor, á choiva e á neve para lavar a roupa nas beiras do río Cabe, coa súa ferramenta máis apreciada, as súas mans agretadas cos seus xeonllos no chan, frotando no río, escorrendo as prendas e retorcendo as sabas, cruzando pola ponte cargadas con aqueles pesados baldes cheos de roupa mollada... Tempos duros que parece que pasaron, pero só mudaron as cargas.

Nos tempos de hoxe xa non vemos ás lavandeiras con eses pesados baldes pero vemos a moitas mulleres con outras cargas: dobres e triples xornadas, falta de conciliación, discriminación salarial, violencia, sexismo... que non debemos esquecer.

Porque si esas mulleres lavandeiras transformaron o río nun escenario de esforzo, solidariedade, compañeirismo e axuda entre mulleres que querían saír adiante e sacar adiante ás súas familias, é a nosa obriga mirarnos nese espello e coller o relevo para seguir adiante na busca dunha igualdade, da non discriminación das mulleres, do recoñecemento da nosa valía en todos os ámbitos da vida, persoal, profesional e social.

Porque valemos, e porque foron moitas mulleres as que avanzaron neste camiño. Por iso, non debemos deixar que eses avances discorran polo río como a auga que pasa sen máis.

Permitídeme rematar con un poema de Carmen Iglesias:

 

RÍO CABE

Río que no Incio nace

pero logo o abandona

e, á cidade de Monforte

converte na súa dona.

 

Cando chegas a Monforte,

pasas moi paseniño

para non espertar á xente

que está botando un soniño.

 

Noutros tempos, río Cabe

agachabas os segredos

das parolas das lavandeiras

cando viñan dos seus cestos.

 

Nestes cestos, río Cabe

a súa roupa lavaban

e logo axeonlladas

coa súa auga, coma neve a deixaban.

 

Agora as lavandeiras, non lavan

as barquiñas voltan a navegar

e, as xentes divírtense,

cando nas barcas están.

 

Cidadáns de Monforte,

aprendede ao río coidar

pois nel tedes un tesouro

non o deixedes estragar!

 

Margarita López Rodríguez

Concelleira de Muller e Igualdade de Monforte de Lemos