O Alcalde pon en valor a colaboración institucional para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Monforte, cun investimento de 150.000€

Monforte de Lemos, 13 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou a “colaboración institucional que permitiu conseguir unha financiación para levar a cabo o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura de Monforte, tanto da envolvente externa, como do interior e de iluminación, que alcanzan os 150.000 euros.

En concreto, o rexedor monfortino salientou que esta colaboración foi posible grazas ó investimento a través dos Fondos Europeos FEDER (58,51%), así como da Xunta (19,50%) e do propio Concello de Monforte, que aporta o 21,99% (32.976,56 euros).

José Tomé fixo estas valoracións durante o transcurso da visita institucional ó Concello de Monforte que levou a cabo na mañá de hoxe o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso.

Antes da visita que ambos mandatarios efectuaron á Casa da Cultura, o Conselleiro de Presidencia levou a cabo unha visita oficial a Casa Consistorial, onde asinou no Libro de Ouro do Concello. Alí, mantivo unha xuntanza de traballo co rexedor monfortino “na que abordamos a análise de futuras colaboracións entre ambas administracións para levar a cabo proxectos que melloren a vida dos cidadáns de Monforte”, salientou o Alcalde.

 

Mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro

O pasado luns 10 de febreiro, o Alcalde anunciou a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, a través da cal se acadarán diversos obxectivos tales como mellorar a eficiencia enerxética como obxectivo principal, coa conseguinte redución no consumo enerxético e nas emisións de CO2, dos custes de mantemento, e melloraremos o benestar e o confort dos seus traballadores e usuarios”, salientou o Alcalde.

Deste xeito, para mellorar a eficiencia enerxética do edificio levaranse a cabo diferentes actuacións que consisten principalmente en:

-Mellora da envolvente térmica: renovarase a carpintería exterior na fachada principal, mediante a colocación de nova carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica, oscilobatentes, con peche perimetral e dobre acristalamento con vidro baixo emisivo (e de seguridade onde sexa preciso), para conseguir unhas prestacións térmicas axeitadas, moi superiores ás actuais e as regulamentariamente esixibles.

Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao conseguir unhas mellores prestacións da envolvente térmica, reducindo os gradientes de temperatura, ó minimizar as entradas de calor e frío do exterior.

-Instalación de calefacción e climatización: renovación integral da instalación de calefacción (e de climatización) do edificio, proxectándose unha instalación con xeración de calor mediante bomba de calor, e que permita, ademais, dispor de frío no verán.

Trátase dun sistema de climatización de moi alta eficiencia, que supón un consumo de enerxía eléctrica reducido, cun reducido consumo de enerxía primaria e unhas emisións de CO2 asociadas tamén reducidas.

Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao acadar unhas mellores prestacións das instalacións, e ao permitir dispor de frío ademais de calor.

-Instalación de iluminación: proxéctase a substitución integral do sistema de iluminación do edificio, eliminando as luminarias e lámpadas existentes, fluorescentes, obsoletas e instalando novas luminarias con tecnoloxía LED, de alta eficiencia enerxética tanto para iluminación normal como a de emerxencia.

Inclúense nestas actuacións a substitución de parte do cableado baixo tubo existente, dende a caixa de derivación/luminaria anterior, e control de acendido mediante sistemas de detectores de presenza onde sexa preciso.

Trátase dun sistema de iluminación de moi alta eficiencia, que conleva un consumo de enerxía eléctrica reducido, con un reducido consumo de enerxía primaria e unhas emisións de CO2 asociadas tamén reducidas.

Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao conseguir unhas mellores prestacións lumínicas das instalacións e obtendo uns niveis de iluminación axeitados.

Tamén se reduce o custe económico asociado ao mantemento, xa que las luminarias LED teñen unha vida útil (> 50.000 horas) moi superior á vida útil das lámpadas fluorescentes ou de descarga (15-18.000 h de vida útil).

A superficie total das diferentes estancias e espazos da Casa da Cultura sobre a que se actuará é de 1.130,25 m².

 

Orzamento e licitación

Este proxecto ten un orzamento de 150.000 euros (IVE engadido), e hoxe mesmo será publicado o anuncio de licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público.

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o sábado 8 de marzo deste ano 2025.

As mesas de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o luns 10 de marzo ás 8:45 h e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o mércores 17 de marzo  ás 8:45 h.

Os criterios de adxudicación serán:

  • Memoria técnica: 40 puntos
  • Prezo: 30 puntos.
  • Redución do prazo de execución: ata 15 puntos
  • Ampliación do prazo de garantía: 10 puntos
  • Melloras: 5 puntos

O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine a acta de replanteo, está previsto que sexa de 6 meses.