Monforte de Lemos, 15 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente José Luis Losada, deu a coñecer hoxe mediante rolda de prensa, o Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte, que foi elaborado pola UTE Ribasaltas, formada pola empresas Monsa Urbanismo SL e Estudios Técnicos Topysa SL.
Elaboración do Plan Especial para a Praia Fluvial
O Alcalde explicou que a Xunta de Goberno celebrada o 15 de maio de 2023, encargara ós Servizos de Contratación e Urbanismo do Concello, a elaboración do Informe de Necesidade e os pregos Administrativos e Técnicos para licitar e contratar o Plan Especial “para construír unha dotación moi importante para Monforte, como é, unha Área Recreativa e Praia Fluvial”.
A ubicación desta infraestrutura de servizos foi anunciada polo Alcalde o pasado 16 de setembro, e será no lugar de A Lama, parroquia de Ribasaltas, na marxe dereita do río Cabe. Concretamente, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.
A infraestrutura afecta a unha superficie de 138.282 m2, é dicir, 13,8 hectáreas, e contará con zona de baño, zona destinada a hostalería, área de xogo infantil, estacionamento público, sendas de paseo e pista perimetral polo lado oeste, todo elo integrado no entorno.
O Concurso para a redacción do Plan Especial saíu publicado o día 25 de outubro de 2023, cun orzamento de 96.800 €, e para valorar a parte técnica foi designado un equipo de 3 enxeñeiros, que fixeron unha proposta á Mesa de Contratación, que unido á valoración da oferta económica, deu como resultado a empresa gañadora, que foi a UTE Ribasaltas, formada pola empresas Monsa Urbanismo SL e Estudios Técnicos Topysa SL.
A esta UTE Ribasaltas foille adxudicada, o 27 de decembro de 2023, a redacción deste “Plan Especial de infraestruturas e dotacións para a creación dunha área recreativa con zona de baño en Ribasaltas”, por un importe de 82.828 euros.
O Alcalde explicou que o proxecto de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, define as actuacións a levar a cabo nun terreo determinado para dotar de infraestruturas e servizos, e posteriormente, unha vez aprobado o Plan Especial, é cando se redacta o Proxecto Construtivo coa descrición das unidades de obra e o custe de licitación do conxunto das obras.
“Pois ben”, subliñou José Tomé, “dada a transcendencia, a importancia, a forte inversión e a multitude de servizos que vai prestar esta dotación pública, elaboramos unhas bases moi esixentes que nos permitiron acadar este Plan Especial que hoxe lles presentamos, porque queremos que sexa un proxecto de moita calidade, que sexa un referente no interior de Galicia e un atractivo turístico moi importante para o turismo, e facer de Monforte un concello con máis calidade de vida. Polo tanto, co rigor e coa seriedade que caracteriza a este Equipo de Goberno, estamos xa na fase executiva deste importantísimo proxecto, seguindo todos os pasos legais necesarios para levalo a cabo”.
Pasos a seguir trala redacción do Plan Especial
Tras a redacción deste borrador do Plan Especial, estamos ante o documento para a súa aprobación inicial.
O rexedor monfortino explicou que o borrador inicial do Plan Especial foi enviado á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, para informe previo e decidir a que tipo de avaliación se somete este Plan, decidindo esta Consellería que fora sometido a “avaliación ambiental estratéxica ordinaria”. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, emitiu o correspondente informe ambiental previo que nos foi remitido. Tendo en conta ese informe, “elaborouse o documento para a aprobación inicial do Plan Especial, que é este que teño aquí.
Tamén indicou José Tomé que por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non se puxo ningún impedimento a este borrador inicial do Plan Especial.
O seguinte paso, será levalo a Pleno, para a súa aprobación inicial, algo que faremos no vindeiro pleno do luns día 24 de febreiro”.
Unha vez aprobado inicialmente polo Pleno, e seguindo a lexislación recollida no artigo 75 da Lei do Suelo de Galicia, o seguinte paso será sometelo a información pública durante dous meses, para o que será publicado no Diario Oficial de Galicia e nos xornais de maior difusión da provincia. Así mesmo, notificaráselles individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.
Unha vez remitida a aprobación provisional á Xunta de Galicia, requirirá os informes sectoriais autonómicos que deberán ser emitidos no prazo máximo de tres meses, transcorrido o cal entenderanse emitidos con carácter favorable.
Previa á aprobación inicial, os servizos xurídicos e técnicos municipais deberán emitir informe respecto da integridade documental do expediente, das actuacións administrativas realizadas, da calidade técnica da ordenación proxectada e da conformidade do plan coa lexislación vixente.
Unha vez cumpridos os trámites que lles acabo de sinalar, e resoltas as alegacións, se as houbera, aprobaremos provisionalmente o contido do Plan coas modificacións que sexan pertinentes, algo que novamente terá que ser aprobado polo Pleno do Concello.
Unha vez aprobado polo Pleno, o documento de aprobación provisional será remitido á Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para o seu informe preceptivo, que deberá ser emitido no prazo de dous meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro de dita Consellería. Transcorrido este prazo sen que se comunicase o informe solicitado, poderá continuarse a tramitación do plan.
Cumpridos os trámites sinalados, o Concello procederá á aprobación definitiva do Plan Especial para a construción da futura Praia Fluvial e Área Recreativa de Monforte.
Trala aprobación definitiva, licitaremos a elaboración do proxecto de expropiación das parcelas afectadas incluídas no Plan, que será levado a cabo dende o Servizo de Expropiacións da Deputación de Lugo, que pon ó servizo dos Concellos. Unha vez adxudicado procederase a executar a expropiación das mesmas, que pasarán a ser propiedade do Concello.
O seguinte paso será a licitación da redacción do Proxecto Construtivo desta Área Recreativa e Zona de Baño en Ribasaltas, consistente na urbanización, dotación de servizos e construción dos inmobles que recolle o Plan.
A proposta inicial do proxecto relativo á urbanización e dotación de servizos, que é algo como o feito na Zona C ou D non que se refire ós pasos que hai que seguir, deberá ser aprobada inicialmente, sometido a exposición pública por un mes, con publicidade en prensa e publicación no BOP, resolver as alegacións se as houbera, e aprobalo definitivamente.
Unha vez aprobado definitivamente o Proxecto Construtivo, finalmente terá lugar a licitación e a realización das obras propiamente ditas, unha vez adxudicadas.
13,8 hectáreas e 5 millóns de euros de investimento
A Área Recreativa e a Praia fluvial, formarán un conxunto que terá unha superficie total de 138.282 m2, é dicir, 13,8 hectáreas, e un investimento de máis de 5 millóns de euros.
Contará cun azud desmontable, unha praia fluvial de 1,4 hectáreas en zona de area, unha zona verde con céspede, nunha superficie aproximada de 2 hectáreas, polo que entre estas dúas zonas, o conxunto da praia ascenderá a 3,4 hectáreas.
O Alcalde puxo en valor que “calculando unha ocupación por persoa de 2 m2 , tería cabida para 17.000 persoas, practicamente todo Monforte ó mesmo tempo, e si sumamos ás persoas que poderían estar bañándose, estar na zona de hostalería, na area de xogo infantil ou paseando polos viais interiores, estaríamos diante dunha capacidade de 20.000 persoas”.
Contará tamén cunha pradeira de 4,8 hectáreas, un estacionamento para vehículos con máis de 400 prazas, paseos peonís de 3 metros de anchura cunha lonxitude de 2.360 metros lineais e unha superficie de algo mais de 8.800 m2, un parque infantil de 1.200 m2 e edificacións para uso hostaleiro, aseos, e almacén, así como un peche perimetral, mobiliario urbano e todas as acometidas de servizos necesarias, así como unha pista perimetral polo lado oeste para dar servizo ás fincas colindantes.
“En definitiva”, concluíu José Tomé, “seguimos a desenvolver esta folla de ruta, con pasos firmes, desta dotación de ocio, fundamental para Monforte, que engadida á nova urbanización que se vai facer coa supresión de pasos a nivel, vai facer do barrio da Estación, do Morín e da zona de Ribasaltas un polo de atracción que equilibra o desenvolvemento da cidade cara a zona norte de Monforte”.