Monforte de Lemos, 17 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou na mañá de hoxe en rolda de prensa ante os medios de comunicación, dos aspectos que implican a suba da taxa de tratamento de lixo que a Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, lle vai aplicar ós concellos neste ano 2025, e que afecta directamente ós veciños e veciñas de Monforte.
O rexedor monfortino explicou que a finais de 2024, a Xunta de Galicia anunciou que neste ano 2025 incrementaría a taxa do lixo de SOGAMA, que pasa dos 66 euros ós 108 euros, “o que vai ocasionar un gran impacto nas arcas municipais e en consecuencia tamén nos recibos que pagan os veciños pola recollida e tratamento do lixo”.
O motivo que alega SOGAMA para xustificar esta suba é o imposto estatal regulado na Lei 7 /22, de 8 de abril, de Residuos y suelos contaminados “que provoca uns sobrecustes imposibles de asumir, botando a culpa disto ao goberno de España. Unha lei que na normativa galega ven recollida na Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia, polo tanto hai unha lei galega”, matizou o Alcalde.
Pero a realidade é que esta lei galega regula un imposto que impón unha Directiva Europea que foi aprobada no ano 2018, concretamente a Directiva (UE) 2018/850 de 30 de maio de 2018. “Esta directiva”, recordou José Tomé, “foi aprobada polo Goberno de España que presidía o señor Mariano Rajoy, e o Grupo Popular no Parlamento Europeo votou a favor desta norma. Por iso, é unha falsidade cando agora o Partido Popular lle bota a culpa ó actual Goberno de España, cando o único que fai é limitarse a aplicar a norma que se aprobou durante o goberno do señor Rajoy”. En concreto, esta Directiva Europea aprobouse no Consello de Xefes de Estado e de Goberno ó que asistiu Mariano Rajoy, e na aprobación do Parlamento Europeo, o PP votou a favor.
En concreto, esta Directiva Europea 2018/850 de 30 de maio de 2018, grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos e que na actualidade son as formas preferentes de SOGAMA, a pesar de estar prohibido por lei.
Isto obriga a SOGAMA ter que asumir o imposto pola súa obsoleta xestión e por non ter mudado en todo este tempo, dende o ano 2010, a forma de tratar os residuos. “Polo tanto, a Xunta non cumpre as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos, e isto fai que esteamos moi lonxe de cumprir os obxectivos de redución e reciclaxe marcados, o cal prexudica directamente ós concellos e ós seus veciños e veciñas”.
Esta lei galega esixe establecer unhas taxas específicas, diferenciadas e non deficitarias, que permitan implantar sistemas de pago por xeración, é dicir, mecanismos mediante os cales os suxeitos pasivos contribúan en función dos residuos que realmente xeran, o que incentiva a súa redución e correcta separación.
Inclúense nesta taxa residuos domésticos, comerciais, industriais, os xestionados polas entidades locais, así como aceites de cociña usados, aparellos eléctricos e electrónicos, téxtil, pilas, acumuladores, mobles, aveños e colchóns, así como os residuos e entullos procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria.
Incremento da taxa do lixo de Sogama
De acordo co principio recollido artigo 16 na Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, “quen contamina paga, polo que os custos relativos á xestión dos residuos terán que correr a cargo do suxeito produtor inicial de residuos”. Por iso, o Concello está obrigado a implementar unha taxa, que se calculará distribuíndo as toneladas de residuos xeradas durante o exercicio anterior no Concello, en función do número de beneficiarios do servizo.
Este cálculo permitirá diferenciar entre os importes destinados a cubrir o custo de SOGAMA e aqueles asociados á recollida de residuos e ó punto limpo. Neste senso, o Alcalde indicou que “no recibo do lixo, a partir de abril, a xente poderá ver diferenciados o custo de SOGAMA por unha banda, e o custo do Concello por outra”.
Neste punto, o Alcalde indicou que “é importante sinalar que asumir o custo total do servizo por parte dos cidadáns neste momento podería xerar un aumento significativo no recibo. Por iso, dende o Equipo de Goberno, imos abordar un enfoque gradual, onde a nova tarifa só aumentará na parte de SOGAMA”.
José Tomé explicou que “este incremento xustifícase polo aumento dos custos de SOGAMA, sendo este gasto o que se trasladará totalmente aos cidadáns, xa que é unha carga que debe asumir o Concello sen posibilidade de redución pola nosa parte”.
Neste senso, o custe de SOGAMA no ano 2024 por recibo foi de 7,08€. O aumento do custe de Sogama será de 3,03€, polo que o custe total de SOGAMA pasará a ser de 10,11€. Isto supón unha suba do 42,79% “debido á mala xestión da Xunta, que agora temos que pagar todos os veciños e veciñas.
Así que, o recibo pasará de 14,65€ en 2024 a 19,05€ cada 2 meses.
A parte do recibo que corresponde ó Concello non sube nada nesta actualización da ordenanza, asumindo con cargo ó orzamento a mesma cantidade, algo máis de 800.000€.
En xaneiro, co orzamento para 2025, xa se había actualizado o 0,85% do contrato do lixo, máis a nova recollida da orgánica, que supoñía 1,57€ cada 2 meses.
Polo tanto, con este enfoque dende o Executivo de José Tomé búscase equilibrar a necesidade de cubrir os custos crecentes sen xerar unha presión fiscal excesiva nos monfortinos e monfortinas. “Como a lei obriga a repercutir todos os custes desta taxa, no Concello tomamos a decisión de ir equilibrando o custe do recibo pouco a pouco”, puxo en valor o Alcalde.
Polo tanto, dende o Concello, a partir deste axuste inicial de SOGAMA, “proxectamos unha revisión anual da tarifa co fin de lograr a cobertura total dos custos do servizo. Para alcanzar un equilibrio no custo do servizo, que estimamos que lograremos nun prazo aproximado de 20 anos, propoñemos unha aplicación gradual e moderada dos incrementos desta taxa”.
Ata agora, o Concello non repercutía a totalidade do custe de recibo, asumindo con cargo ó orzamento 817.000 euros, que haberá que ir repercutindo ó longo de 20 anos para facer unha transición asumible polos cidadáns.
José Tomé subliñou que “estes aumentos serán pequenos, concretamente un 5% da tarifa, o que suporá un incremento de aproximadamente un euro cada dous meses no recibo e a partir de 2026, co obxectivo de minimizar o impacto nos nosos cidadáns”.
No Pleno do vindeiro 24 de febreiro, o Equipo de Goberno levará, para aprobación inicial a Ordenanza Fiscal 2.3 reguladora da taxa pola prestación do servizo de xestión de residuos municipais, que recolle o explicado polo Alcalde nesta rolda de prensa, ordenanza que posteriormente será publicada mediante edicto no Boletín Oficial da Provincia.
Durante o prazo de trinta días hábiles, a contar desde o día seguinte da publicación do correspondente edicto no BOP, os interesados poderán examinar o expediente, e presentar as oportunas reclamacións. No caso de non presentarse reclamacións, o acordo provisional considerase elevado a definitivo.
No suposto que se presentasen reclamacións, procederase á súa resolución e á adopción dos correspondentes acordos de aprobación definitiva, co obxecto de que entre en vigor antes do día 9 de abril do presente ano 2025, que é a data establecida pola lei para a entrada en vigor do incremento de SOGAMA.