Monforte de Lemos, 3 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, veñen de asinar na mañá de hoxe diante dos medios de comunicación, o convenio para a financiación, execución e entrega das obras de ampliación e mellora da estrada de servicio do canal de regadío da marxe dereita, entre a estrada de Lugo (LU-546), preto da rotonda de Ribasaltas e a estrada de Chantada (LU-517), preto do Salón do Moble.
O Alcalde salienta que “hoxe comunicamos outra excelente noticia para Monforte, porque acabamos de asinar no meu despacho, un novo Convenio entre a Confederación Hidrográfica do Miño–Sil e o Concello de Monforte de Lemos, para unha obra de interese mutuo, e polo tanto, de interese público, que vai beneficiar ó conxunto dos monfortinos, e tamén ó público en xeral”.
José Tomé explicou que “despois de case 2 anos de conversas entre o Alcalde de Monforte e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre os termos deste acordo, o Concello de Monforte solicitou a cesión desta estrada, para o que, a Confederación procederá a facer as obras necesarias para convertela nunha estrada nova e despois tramitar a mutación demanial (ceder a propiedade) en favor do Concello de Monforte de Lemos.”
O rexedor monfortino puxo en valor a importancia desta nova gran obra para a trama urbanística da cidade pola inversión que prevé este convenio, máis de 2,6M€, en concreto, 2.670.000€ euros, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil aportará o 100% en 3 anualidades (80.000€ en 2025, 1.360.000€ en 2026 e 1.230.000€ en 2027), “resultando de media un investimento de 534.000€ por quilómetro, o que da boa medida da importancia desta obra”, salientou o Alcalde.
O Presidente da CHMS, recalcou o interese público esta actuación, que é beneficiosa para ambas partes, porque “esta pista creouse para dar servizo ó Canal hai case 60 anos, e hoxe é practicamente un vial interurbano e necesita ser mellorado como tal”.
Motivación da actuación de mellora e ampliación da Pista do Canal
Os motivos polos que o Alcalde de Monforte lle solicitou ó Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil a sinatura deste convenio foron dous.
Dunha banda, esa pista de servicio do Canal, en varias zonas foise urbanizando progresivamente, converténdose nunha vía de circunvalación intermedia entre a vía de alta capacidade e sen necesidade de cruzar polo centro da cidade, soportando polo tanto, un tráfico de vehículos privados moi superior ó seu destino inicial como camiño de servicio do regadío, sendo os dous usos compatibles, xa que coexistiron durante moitos anos sen problemas.
E doutra banda, o Concello de Monforte está tramitando un Plan Especial para a construción dunha nova Praia Fluvial entre o río Cabe, a estrada de Lugo e a pista do Canal, que terá a entrada de vehículos pola pista do Canal convertida na nova estrada, a zona de estacionamento e os edificios da nova dotación de ocio de 116.000 m2, é dicir, 11,6 hectáreas.
Obrigas da CHMS e do Concello monfortino
O acordo asinado supón que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, redactará o Proxecto, licitará as obras, financiará o 100% do custe das actuacións e fará entrega da estrada ó Concello cando rematen as obras.
Neste senso, o borrador do proxecto xa está feito por técnicos da propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Alcalde explicou que “eu mesmo acompañeinos en varias ocasións en coche e a pe, para definir o tipo de obras que son necesarias, sobre todo no acceso á Praia Fluvial e tamén na zona complexa de “As Barrioncas”.”
Pola súa banda, o Concello aprobará o proxecto construtivo de forma que substituirá a licencia de obra que non será necesaria. Recibirá a infraestrutura que resulte das obras e a incluirá no inventario de bens. E xestionará, explotará, manterá e conservará as obras deste convenio.
Obras a desenvolver
A actuación consistirá no arranxo dun treito de 5 quilómetros entre a estrada de Lugo (LU-546) e a estrada de Chantada (LU-517).
Os primeiros 350 metros lineais da nova estrada, dende o seu inicio na LU-546, ampliarase a plataforma a un ancho de 9 metros, co fin de incluír 2 carrís de 3 metros de ancho, un arcén de 1 metro xunto ó canal e un paseo de 2 metros de anchura na marxe que linda coa Praia Fluvial.
Este treito incluirá tamén un carril central adicional para a incorporación e para a saída da futura zona de recreo que se pretende executar polo Concello xunto á marxe dereita do río Cabe, polo que, nesa zona, o ancho da estrada nova será de 12 metros.
Os outros 4.650 metros lineais, manterán unha anchura de calzada de 6 metros, 2 carrís de 3 metros cada un.
Nos 5 quilómetros de lonxitude da zona de actuación, substituirase o firme de dobre tratamento superficial existente, por unha capa de aglomerado en quente.
As obras completaranse con barreiras de protección onde sexan necesarias, así como actuacións de drenaxe e estabilización de taludes no paraxe coñecido como “As Barrioncas”, situado a uns 900 metros de distancia do inicio das obras.
O Alcalde monfortino agradeceu unha vez mais ó Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “a súa sensibilidade coa solicitude do Concello, aínda que neste caso hai unha confluencia do interese público de ambas partes”.