O Alcalde asina un convenio coa Abanca-AFundación que permitirá traer a Monforte unha exposición fotográfica que conciencia sobre o uso responsable da auga

Monforte de Lemos, 10 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar con Abanca e A Fundación Galicia Obra Social, un convenio de colaboración grazas o cal a cidade de Monforte acollerá a exposición “Auga. O sangue da terra” do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel, “Piro”.

Trátase dunha exposición fotográfica que ten como obxectivo concienciar á poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga.

Na sinatura deste convenio de colaboración, ademais do Alcalde, participaron o Coordinador de Negocio Institucional en Lugo de Abanca, Carlos Teijeiro, a Coordinadora Institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz Fernández-Anguiano, e a Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

O Concello de Monforte de Lemos e ABANCA, veñen desenvolvendo ó longo dos últimos anos unha intensa labor de colaboración no ámbito sociocultural, coa organización de diversas exposicións de gran interese para a cidadanía, e que ubican no Espazo +60 que Afundación ten na rúa Cardeal, nº 18, de Monforte.

Así, este espazo expositivo acollerá entre o 19 de febreiro e o 26 de marzo de 2025 esta exposición arredor da auga, que se poderá visitar de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 20.00 horas.

O Concello de Monforte participará activamente nos actos de inauguración da exposición, levando a cabo ademais accións de difusión da mesma nas súas canles de comunicación.

Auga. O sangue da terra” realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados polo monfortino Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes da exposición distribúense en tres bloques:

-Os estados da auga recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia. No primeiro caso o traballo centrouse en plasmar o paso da auga en estado sólido a líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

-A auga e a vida conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

-Vivindo na escaseza é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.