Monforte de Lemos, 10 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer un novo proxecto de mellora de infraestruturas da cidade, que neste caso abordará a mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ubicada na Praza de España da cidade do Cabe.
O Alcalde sinalou que “o proxecto que damos a coñecer hoxe ten que ver coa mellora das infraestruturas públicas que o Concello está levando a cabo en todos os campos para mellorar a prestación de servizos ós veciños e veciñas de Monforte, e neste caso, imos mellorar unha infraestrutura cultural e de servizos, como é a Casa da Cultura, que foi construída hai máis de 30 anos” .
A Casa da Cultura Lois Pereiro alberga a Biblioteca municipal, dúas salas de exposicións, a sede da UNED en Monforte (que conta con 100 alumnos matriculados este curso), con diferentes aulas e despachos, un arquivo e un salón de actos con capacidade para 160 persoas.
A Casa da Cultura acolle un sen fin de actividades ao longo do ano, principalmente concertos e obras de teatro, pero tamén actividades como congresos, xornadas e presentacións de diferentes temáticas, así como a celebración de múltiples actos culturais ou exposicións de toda índole.
Trátase polo tanto dunha edificación singular relativamente antiga, na que fai anos que non se levou a cabo ningunha actuación desta relevancia, que posúe unhas características que fan que actualmente conte cunha eficiencia enerxética reducida.
Estado actual
A edificación conta actualmente cunha baixa eficiencia enerxética, que se reflexa nos seguintes aspectos.
Polo que respecta á envolvente térmica, os cerramentos, en xeral, contan cun recubrimento mediante chapado en pedra en algunha zona, ou con cámara de aire e un pequeno illamento ou sen illamento adicional noutras zonas.
A carpintería exterior é de aluminio, de corredeira ou abatible segundo zonas, algunha de elevada antigüidade, con acristalamento dobre, en xeral, ou sinxelo nalgunha zona. Considérase que as portas e fiestras que dan directamente ao exterior son enerxeticamente moi ineficientes.
O edificio dispón dun sistema de calefacción mediante caldeira de gasóleo, mediante radiadores ou fancoils, segundo as zonas, na totalidade do edificio.
Trátase dun sistema de calefacción de baixa eficiencia, o que supón un consumo de enerxía elevado, cun elevado consumo de enerxía primaria e unhas emisións de CO2 elevadas.
O edificio dispón dun sistema de iluminación obsoleto, mediante lámpadas fluorescentes en xeral, polo que é ineficiente enerxeticamente. Ademais, algunhas atópanse en mal estado de conservación, e as instalacións actuais proporcionan uns niveis de iluminación excesivamente reducidos. Trátase de luminarias empotradas, en xeral, ou en montaxe superficial, de tipo pantalla, downlights, paneis ou regretas.
Mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura
“As diversas actuacións que dende o Concello levaremos a cabo con este proxecto na Casa da Cultura perseguen diversos obxectivos tales como mellorar a eficiencia enerxética como obxectivo principal, coa conseguinte redución no consumo enerxético e nas emisións de CO2, dos custes de mantemento, e melloraremos o benestar e o confort dos seus traballadores e usuarios”, salienta o Alcalde.
Para mellorar a eficiencia enerxética do edificio levaranse a cabo diferentes actuacións que consisten principalmente en:
-Mellora da envolvente térmica: renovarase a carpintería exterior na fachada principal, mediante a colocación de nova carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica, oscilobatentes, con peche perimetral e dobre acristalamento con vidro baixo emisivo (e de seguridade onde sexa preciso), para conseguir unhas prestacións térmicas axeitadas, moi superiores ás actuais e as regulamentariamente esixibles.
Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao conseguir unhas mellores prestacións da envolvente térmica, reducindo os gradientes de temperatura, ó minimizar as entradas de calor e frío do exterior.
-Instalación de calefacción e climatización: renovación integral da instalación de calefacción (e de climatización) do edificio, proxectándose unha instalación con xeración de calor mediante bomba de calor, e que permita, ademais, dispor de frío no verán.
Trátase dun sistema de climatización de moi alta eficiencia, que supón un consumo de enerxía eléctrica reducido, cun reducido consumo de enerxía primaria e unhas emisións de CO2 asociadas tamén reducidas.
Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao acadar unhas mellores prestacións das instalacións, e ao permitir dispor de frío ademais de calor.
-Instalación de iluminación: proxéctase a substitución integral do sistema de iluminación do edificio, eliminando as luminarias e lámpadas existentes, fluorescentes, obsoletas e instalando novas luminarias con tecnoloxía LED, de alta eficiencia enerxética tanto para iluminación normal como a de emerxencia.
Inclúense nestas actuacións a substitución de parte do cableado baixo tubo existente, dende a caixa de derivación/luminaria anterior, e control de acendido mediante sistemas de detectores de presenza onde sexa preciso.
Trátase dun sistema de iluminación de moi alta eficiencia, que conleva un consumo de enerxía eléctrica reducido, con un reducido consumo de enerxía primaria e unhas emisións de CO2 asociadas tamén reducidas.
Ademais, mellórase o benestar e o confort dos usuarios e dos traballadores do edificio ao conseguir unhas mellores prestacións lumínicas das instalacións e obtendo uns niveis de iluminación axeitados.
Tamén se reduce o custe económico asociado ao mantemento, xa que las luminarias LED teñen unha vida útil (> 50.000 horas) moi superior á vida útil das lámpadas fluorescentes ou de descarga (15-18.000 h de vida útil).
A superficie total das diferentes estancias e espazos da Casa da Cultura sobre a que se actuará é de 1.130,25 m².
Orzamento e licitación
Este proxecto ten un orzamento de 150.000 euros (IVE engadido), e hoxe mesmo será publicado o anuncio de licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público.
O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o sábado 8 de marzo deste ano 2025.
As mesas de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o luns 10 de marzo ás 8:45 h e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o mércores 17 de marzo ás 8:45 h.
Os criterios de adxudicación serán:
- Memoria técnica: 40 puntos
- Prezo: 30 puntos.
- Redución do prazo de execución: ata 15 puntos
- Ampliación do prazo de garantía: 10 puntos
- Melloras: 5 puntos
O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine a acta de replanteo, está previsto que sexa de 6 meses.