O Alcalde cualifica á edición de 2023 do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte como a mellor da historia

Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer na mañá de hoxe en rolda de prensa os datos e valoracións máis salientables da pasada edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, edición que “supuxo un paso adiante definitivo na consolidación deste evento de promoción nunha tripla dimensión como é a promoción do viño da D.O. Ribeira Sacra, a promoción de Monforte como capitalidade da comarca, como a min me gusta chamar, un pedazo de paraíso do interior de Galicia, e da promoción do conxunto da Ribeira Sacra, e todos aqueles elementos que acompañan o mundo do viño”.

Neste senso, o Alcalde cualificou a edición de 2023 como mellor das celebradas ata a data, e para elo resaltou “a asistencia masiva de público nesta edición que podemos calificar de excelente, e pola que pasou tanta xente polo recinto do Festival durante os tres días como poboación ten Monforte no casco urbano, que é unha cifra enorme nun espazo limitado de tempo”, unha cifra que se estima en arredor de 15.000 persoas.

Éxito de ventas sen precedentes

Outro dos aspectos nos que se sustenta o rotundo éxito da 5ª edición deste Festival do Viño son as cifras de ventas acadadas.

“Vendéronse uns 10.500 tíckets, sen ter en conta as vendas directas en botella, que tamén é unha cantidade considerable, o que supón un 61% máis que en 2019, antes da pandemia, o que sen dúbida isto da unha idea do crecemento do Festival”, salientou o Alcalde.

No mesmo senso, as ventas no número de copas aumentaron nun 40% con respecto á edición de 2022, o mesmo que os portacopas, que aumentaron nun 44%.

O rexedor monfortino tamén subliñou que o total de artigos vendidos incrementouse nun 55% con respecto a outras edicións.

Como dato anecdótico, o Alcalde relatou que  a hora de máis afluencia para a venta de tíckets, nas que en varios momentos houbo cola para adquirir ou ben as copas ou ben os tíckets, foi entre as 21 e as 22 horas.

“Polo tanto, podemos concluír que esta edición foi a de máis afluencia de xente e a de máis ventas das cinco celebradas con diferencia. Por iso, creemos que foi un éxito rotundo esta quinta edición” subliñou José Tomé.

 

Compromiso das 30 adegas participantes

José Tomé resaltou na súa intervención “o compromiso das 30 adegas que estiveron presentes e a satisfacción que me fixeron chegar pola excelente organización do conxunto do Festival” e engadiu que “xa houbo algunha adega das de maior tamaño da D.O. que este ano non puido estar presente, e que xa me fixo chegar o seu interese para participar na próxima edición de 2024”.

Tamén, o rexedor monfortino agradeceu expresamente “ó Consello Regulador a súa colaboración e sobre todo á xente do mundo do viño, que colaboran masivamente co Festival en datas de moito traballo para as adegas, e polo tanto, supón un esforzo engadido a súa presencia no Festival do Viño, onde como eles ben saben o único que pretendemos é ser un evento de promoción do noso viño máis aló das fronteiras de cada Concello, máis aló da nosa provincia, de Galicia ou do resto do Estado, que ven o puidemos comprobar co numeroso público asistente que non era de Monforte ou de Galicia, e que se vai incrementando edición tras edición”.

“Isto que acabo de dicir”, salientou José Tomé, “ fai bo aquel dito de que “non hai quinto malo” porque os feitos así o acreditan e o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte supón un colofón á tempada de promoción previa á seguinte vendima, nun lugar único como é o paseo do Malecón, nun ambiente tranquilo, seguro e no que se pode disfrutar, onde o único ruído que se escoita son as conversacións, a música, os páxaros ou o ruído da auga”.

 

Éxito dos concertos, da zona de catas e dos stands de alimentación

Os cinco concertos celebrados durante o Festival (Compañía de danza Fran Sieira, Sés, Diboa, Xisco Feijoó e Fillas de Cassandra) “todos eles de moita calidade musical e artística, que se desenvolveron no propio recinto do Festival, a ambos lados dos stands, cabe dicir que foi un acerto e que congregaron a numeroso público que contribuíu a que a xente permanecera máis tempo no entorno do Malecón, e polo tanto, dentro do ambiente do Festival do Viño”, indicou o Alcalde.

Unha das actividades de máis éxito do Festival foron as catas de iniciación que se levan a cabo dentro do propio recinto, debido a que, explicou o Alcalde, “a demanda superou con creces á oferta que tiñamos prevista durante dous días, o que nos leva a pensar que é unha das actividades ás que temos que darlle unha maior dimensión”.

Da mesma forma, un complemento ideal para disfrutar do viño como elemento principal foron os stands de produtos de alimentación de calidade da comarca e de Galicia para acompañar ó viño, nunca para substituílo, senón que contribúe á ensalzar as súas cualidades organolépticas.

 

Esforzo organizativo e orzamentario do Concello monfortino

O Alcalde quixo tamén dar a coñecer o “o esforzo que supón para o Concello de Monforte esta promoción na tripla dimensión que comentaba ó principio, do viño, de Monforte e de Ribeira Sacra, dado que realizamos eses traballos de promoción dentro e fora de Galicia, e neste ano, supón para o Concello de Monforte un investimento superior ós 158.000 euros”.

E engadiu que “a min gústame chamarlle investimento posto que é evidente que produce un retorno económico, unha publicidade e un coñecemento do viño de Monforte e da Ribeira Sacra que fai que estea de moda, o que conleva un crecemento exponencial do turismo e de sectores importantes para a economía da zona como é o comercio e a hostalería, incrementándose a demanda de prazas hoteleiras e pisos turísticos, o que sen dúbida é unha boa noticia dende o punto de vista económico para o desenvolvemento de Monforte e da comarca”.

Como peche do Festival, o Concello ven de subir ás redes sociais un vídeo resumo do Festival, que se pode visualizar tamén en https://fb.watch/lDKjrMwWbw/.

E dende o Equipo de Goberno monfortino, concluíu o Alcalde, “xa estamos traballando na próxima edición do Festival, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo de 2024, que é o primeiro fin de semana completo do mes de xullo, para o que estamos recopilando datos e suxerencias, tanto de adegas como de público asistente que nolas fixo chegar, a inmensa maioría delas para valorar positivamente o Festival, e pola nosa parte o que pretendemos é seguir mellorando este evento para as próximas edicións, que xa está collendo unha dimensión realmente importante”.