O Concello financiou os traballos de restauración do retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, que foron presentados hoxe polo Alcalde

Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Director do Colexio dos PP Escolapios, Pablo Blanco, deu a coñecer os traballos de restauración do retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, que forma parte da colección de arte da Pinacoteca de dito Colexio.

Os traballos de restauración do cadro, que é un retrato de corpo enteiro, foron financiados integramente polo Concello de Monforte, cun investimento de 3.643,92€. Neste senso, o Alcalde explicou que “no pasado ano 2022, representantes da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga puxéronse en contacto co Equipo de Goberno, para solicitar axuda co obxecto de restaurar este importante retrato, petición que atendemos dentro da nosa aposta decidida pola arte e pola cultura da nosa cidade”.

José Tomé xustificou a necesidade de apoiar esta restauración xa que, “xunto co VII Conde de Lemos, o Cardeal Rodrigo de Castro Osorio é unha das personaxes máis relevantes,   importantes e influíntes dentro da historia de Monforte e de España. A el debemos a construción deste Colexio de Nosa Señora da Antiga. Polo que levar a cabo a restauración do retrato que temos del na Pinacoteca deste “Escorial Galego”, está máis que xustificado”.

O director do Colexio foi o encargado de explicar os aspectos máis técnicos da restauración, que o Alcalde resumiu en tres liñas de actuación “a reparación do lenzo, a limpeza da pintura e a mellora do bastidor que suxeita o cadro”.

“Unha minuciosa restauración”, subliñou o rexedor monfortino, “baixo o noso punto de vista, moi necesaria porque gracias a ela, o retrato do Cardenal recupera todo o seu esplendor, e volverá a ocupar o lugar destacado que se merece dentro desta pinacoteca, e dentro do Colexio que el ordenou construír a imaxe e semellanza do Escorial español. E recuperamos parte da nosa historia que é moi rica”.

José Tomé concluíu animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas e turistas que nos visitan, a visitar esta Pinacoteca na que poderán dende hoxe redescubrir este magnífico retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, e admirar de paso outras das obras máis coñecidas que albergan como son os dous lenzos de El Greco ou os cadros do italiano Andrea del Sarto”.

Tras a presentación desta importante restauración, o Alcalde procedeu a asinar no Libro de Honra do Colexio Nuestra Señora la Antigua.

 

Descrición dos traballos técnicos de restauración do “Retrato do Cardeal Rodrigo de Castro”.

Os traballos de restauración do retrato do Cardeal Rodrigo de Castro, que é un cadro pertencente á Pinacoteca do Colexio Nuestra Señora la Antigua de Monforte, deron comezo o 21 de setembro de 2023.

Previamente foi asinado un convenio de colaboración para dita restauración, entre o Concello de Monforte e a Fundación Colegio Nuestra Señora la Antigua, mediante o cal o Concello sufragou os traballos de rehabilitación do cadro, cun investimento de 3.643,92€.

Para levar a cabo a restauración do cadro, que correu a cargo da empresa especializada Crea restauración, habilitouse o obradoiro de restauración nunha sala cedida polo colexio para tal efecto.

A obra en cuestión é un retrato de corpo enteiro do cardeal Rodrigo de Castro, de autor descoñecido, executado para o colexio no século XVII, segundo debuxo de Francisco Pacheco. Trátase dun óleo pintado sobre lenzo de liño.

Procedeuse a retirar os taboleiros de piñeiro do bordo exterior do marco, que presentaban unha infestación de xilófagos severa. Púidose comprobar que o ataque era intenso e debilitara completamente os listóns de madeira.

A continuación, descravouse o marco orixinal, formado por molduras sinxelas de castiñeiro cravadas directamente ao bastidor polos laterais e mesmo pola parte anterior, atravesando o lenzo. O marco non se achaba afectado por xilófagos.

O lenzo estaba cravado ao bastidor mediante puntas de forxa que se retiraron mecanicamente. Baixo a tea policromada, púidose comprobar que existía outra tea de liño groso cravada previamente ao bastidor, seguramente coa idea de protexer o lenzo orixinal da acumulación de po e sucidade. Ambas as teas non estaban encoladas, senón simplemente tensadas sobre o mesmo bastidor. Descravouse tamén este segundo lenzo, sumamente deteriorado e fráxil, con diversos parches e manchas de humidade.

Co lenzo descravado e retirada tamén a tea de forrado, púidose comprobar que o cadro está formado por tres pezas de liño cosidas lonxitudinalmente. A costura vertical abriuse na zona inferior do cadro, pola rotura do fío de unión.

Esta rotura recoseuse reforzando desta forma a estabilidade do conxunto. O resto do lenzo estaba en moi bo estado, fóra de pequenas roturas que se reforzaron con parches adheridos polo reverso. Tamén se colocaron bandas de tecido non tecido nos bordos para permitir o recravado e retensado do lenzo sobre o bastidor.

O cadro presentaba unha capa de verniz moi escurecido e levou a cabo unha limpeza do mesmo. O verniz é unha capa protectora que se aplica aos cadros e é habitual a súa deterioración e escurecemento polo envellecemento propio do material e pola oxidación do mesmo debida á acción do aire e a humidade. A retirada desta resina oxidada permitiu recuperar a intensidade e detalle da pintura orixinal.

A limpeza do marco revelou a existencia dunha policromía subxacente cun marmoleado en tons azuis e un perfil dourado, todo iso tapado por varias capas de pintura aplicadas posteriormente e que agora fai un bonito contraste co ton vermello das vestiduras do cardeal.

Para finalizar o traballo, enchéronse as faltas de preparación con estuco natural para nivelar a superficie pictórica, tanto no lenzo como no marco. Posteriormente reintegráronse mediante a técnica do rigattino, unha abstracción cromática a base de liñas moi finas realizadas con acuarela discernibles do orixinal pero integradas no conxunto.

O paso final foi aplicar unha capa de verniz transparente similar á que orixinalmente tiña o cadro, co que se consegue saturar as cores e que ademais actuará como protección para o futuro.