Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que mañá xoves 3 de febreiro abre o prazo para solicitar a participación na XVIII Feira Medieval de Monforte. Deste xeito, fanse públicas as bases para a solicitude de participación na Feira Medieval que se celebrará o sábado día 16 e o domingo 17 de abril de 2022.
O Alcalde salienta que “con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, neste caso a Feira Medieval, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a covid-19, sempre que sexa posible segundo evolucionen as circunstancias determinadas pola pandemia”.
“Cabe recordar que por mor da pandemia non se puido celebrar nin en 2020 nin en 2021 o que é un dos eventos máis destacados e que máis xente atrae a Monforte, pero o pasado ano dende o Concello elaboramos dous vídeos promocionais con actores de renome co obxectivo de non esquecernos da Feira Medieval e que servisen de impulso para volver con máis forza neste 2022”, subliñou o rexedor monfortino.
Prazos e requisitos de inscrición
As bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar, así como aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos, a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.
Segundo se especifican nas citadas bases, o 28 de febreiro remata o prazo de inscrición, e o día 16 de marzo publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo de inscrición.
A organización da XVIII Feira Medieval admitirá tres modalidades de postos: alimentación, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesana.
O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño.
No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10:00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21:00 e 23:00 horas,
Na Sede Electrónica da entidade (sede.monfortedelemos.es) pódese realizar a inscrición on line. Para elo deberá de dispoñer do certificado dixital ou DNI electrónico. O procedemento de inscrición atópase na área de Tramitación (modalidade: Cultura).
Máis información na Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos: 698181551 e 982884775 e no correo: feiramedieval@concellodemonforte.com.
Tras o anuncio desta convocatoria, nos vindeiros días, dende o Concello daranse a coñecer máis detalles en torno a esta feira que é a protagonista no fin de semana de Semana Santa en Monforte, e que ano a ano, avanza para acadar a declaración Feira de Interese Turístico Galego.
“A Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.
Documentos para descargar:
Instruccións para o pagamento 2022
Listaxe provisional participantes 2022
Bases participación feira medieval monforte 2022
Formulario Autocompletable inscrición