Monforte de Lemos, 7 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar 2 novos proxectos que acometerán a mellora da rúa Ferrocarril e do Camiño da Barxa, dentro do programa de actuacións de mellora planificadas polo Equipo de Goberno para as infraestruturas viarias da cidade.
O Alcalde sinala que no caso da rúa Ferrocarril “decidimos acometer esta obra de mellora debido a que esta rúa levaba xa tempo sen recibir actuacións deste tipo, o cal engadido a recentes obras que supuxeron a apertura de zanxas para o soterramento de diversos servizos, significaron un deterioro do firme de dita rúa que é necesario renovar”.
Da mesma forma, o rexedor municipal fixo mención a obras de mellora levadas a cabo nesta zona: “nunha etapa recente, foi mellorada a rúa Juan Montes, que linda coa rúa Ferrocarril, e tamén se puxo un alumeado novo na propia rúa Ferrocarril”. Así, a obra que se acomete agora na rúa Ferrocarril, engádese a estas outras actuacións de mellora acometidas previamente.
En concreto, as actuacións na rúa Ferrocarril desenvolveranse en 400 metros lineais, e contará cun orzamento de 30.084,38 euros. As obras darán comezo nos próximos días e serán desenvoltas pola empresa Ovisa. O prazo para a execución das mesmas, se as condicións climáticas o permiten, está estimado en 3 semanas.
Por outra banda, as obra de mellora no Camiño da Barxa suporá a rexeneración do seu firme ó longo de 186 metros, e para elo o Concello destinará unha partida de 25.369,11 euros. A empresa encargada de desenvolver os traballos será tamén Ovisa, e proximamente darán comezo estas obras de mellora.
En total, estes dous proxectos de mellora contan cunha inversión superior ós 55.000 euros, que se inclúen dentro do programa de actuacións de mellora en infraestruturas urbanas anunciado polo Alcalde nas pasadas semanas e que forman parte dos 24 contratos que o Alcalde anunciou que ía contratar, subvencionar ou conveniar antes de fin de ano.
Actuacións de mellora na rúa Ferrocarril
A rúa Ferrocarril presenta un firme asfáltico e de formigón con numerosas irregularidades e fochancas, polo que dende o Concello realizaranse as seguintes partidas:
- En primeiro lugar, nas zonas en que sexa necesario pola cota do pavimento rematado, procederase ao fresado do firme actual, ben sexa asfáltico como de formigón. Tamén se procederá ó levantado de todas as ramplas de acceso ós garaxes existentes.
- Posteriormente procederase ao varrido do firme as zonas afectadas, por medios mecánicos, consistindo nunha limpeza enérxica da superficie do pavimento existente mediante cepillo de arame.
- A continuación, en toda a calzada, procederase a aplicar a nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor, que se aplicará dende a isleta ata a vía do tren. Esta acción incluirá o rego de adherencia e o bacheo previo nas zonas en que sexa necesario.
- Procederase ó levantado ou recalce das tapas das arquetas e rexistros para alcanzar novo nivel da capa de rodadura.
- E para rematar, na calzada, unha vez terminada a colocación da nova capa de aglomerado, procederase ó pintado da vía, coa marcaxe das liñas e símbolos viais correspondentes.
Mellora do pavimento do Camiño da Barxa
O estado actual do Camiño da Barxa é desigual dependendo das distintas zonas da vía; en liñasxerais o estado é deficiente por zonas, polo que precisa unha actuación de mellora sobre o seu firme.
- En primeiro lugar procederase ao varrido do firme as zonas afectadas, por medios mecánicos, que consistirá nunha limpeza enérxica da superficie do pavimento mediante cepillo de arame.
- Nas zonas en que sexa necesario pola cota do pavimento rematado, procederase ó fresado do firme actual, ben sexa asfáltico como de formigón.
- Posteriormente, en toda a calzada, procederase a aplicar a nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor. Incluirá o rego de adherencia e o bacheo previo nas zonas en que sexa necesario.
- Así mesmo, nunha zona ó final da rúa, para gañar un pouco de ancho, procederase á apertura de caixa, coa posterior carga e transporte do material sobrante a vertedoiro.
- Nesa zona na que se abre a caixa procederase ao reencho de zahorra compactada.
- Nalgunha zona na que existen arquetas moi deterioradas, procederase á colocación dunhas novas.
- Do mesmo xeito, nunha zona na que se acumula auga procederase a colocar unha rexiña-sumidoiro conectada á rede de pluviais.
- Procederase ó levantado ou recalce de tapas de arquetas e rexistros para alcanzar o novo nivel da capa de rodadura.
- Para rematar, na calzada, unha vez terminada a colocación da nova capa de aglomerado, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas e símbolos correspondentes á sinalización horizontal.
“Con estas dúas novas actuacións, dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade, un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que vou cumprindo, tal como anunciamos nas pasadas semanas”, concluíu o rexedor monfortino.