O Alcalde de Monforte participou na XXVIII Asemblea Anual do Eixo Atlántico

Monforte de Lemos, 7 de febreiro de 2020. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, Jose Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, participou este venres na 28ª Asemblea Anual do Eixo Atlántico, na localidade portuguesa de Matosinhos. Unha reunión á que asistiron alcaldes e concelleiros das 35 entidades que conforman este grupo coa finalidade de establecer as liñas de accións deste ano 2020.

O Alcalde, na súa intervención, puxo en valor o impulso do Goberno central á mellora das comunicacións en tren da provincia de Lugo co resto de Galicia e da Meseta, mentres a Xunta segue mantendo paralizados proxectos fundamentais como o porto seco de Monforte.

Tomé defendeu que houbo avances importantes en relación aos contratos asinados co Adif no referente a electrificación da liña de Monforte a Lugo por importe de 65 millóns de euros, ou a licitación por importe de máis de 1millón de euros do contrato para a redacción dos proxectos de ampliación das estacións do tramo de León a Monforte.

O rexedor municipal referiuse tamén ao ramal noroeste do Corredor Atlántico de mercadorías. Explicou que as obras comezaron por acondicionar un treito de 80 quilómetros de Monforte a Covas, para o que Adif licitou a redacción do proxecto por 3,36 millóns de euros, “pero queda a parte importante que é a de superar o Manzanal”. José Tomé Roca defendeu que as mercadorías poderían confluír en Monforte, para evitar que pasen innecesariamente por Vigo e logo saír cara León-Palencia “onde se xuntan co corredor que vén de Abeiro (Portugal) e así colocar as mercadorías da fachada atlántica  portuguesa e galega no corazón de Europa”.

 

Outros retos

Entre os retos que vai afrontar o Eixo Atlántico no próximo ano está a reivindicación de outras infraestruturas. No impulso das rodoviarias, Tomé defendeu a importancia da A-76 que une Ponferrada, co Barco, Monforte e Ourense “unha infraestrutura vital para o interior de Galicia” ou o tramo pendente da autovía Lugo-Santiago.

O mandatario municipal falou tamén da necesidade de desbloquear neste 2020 o porto seco de Monforte “tanto no que se refire na cuestión parcelaria dos terreos, como no acceso cara a unha vía de alta capacidade como é a N-120”.

José Tomé Roca reivindicou finalmente converter en autovía o corredor Nadela- Monforte na súa integridade, para conectar a capital da provincia coa A 76.

XXVIII Asemblea do Eixo Atlántico

A Asemblea Xeral aprobou un orzamento de 3,9 millóns de euros para o presente exercicio do que o 80% estárá dedicado ás actividades e proxectos que desenvolve o Eixo Atlántico. Tamén foi ratificada a incorporación das cidades de Póvoa de Varzim e Culleredo.

A captación de investimentos e talento será un dos eixos da estratexia do Eixo Atlántico xa que para fixar poboación na eurorrexión é preciso atraer novos investimentos que xeren emprego e tecido económico-empresarial que atraia talento e permitan á poboación establecerse e fixarse no territorio. Xunto a estas dúas liñas de traballo, únense a cohesión social e a crise demográfica.

A crise demográfica do interior da eurorrexión supón un menor peso político nas decisións ao contar con menor representación en número de deputados por unha menor poboación. Neste sentido, estase deseñando unha estratexia con solucións que serán remitidas aos gobernos de España e Portugal, como á Xunta de Galicia. Así, hai publicados un informe sobre a situación demográfica da eurorrexión que constitúe unha radiografía do territorio e unha diagnose da situación actual cunha proxección ata o ano 2040.

No ámbito das infraestructuras manteranse reunións cos ministros responsables das obras públicas de España e Portugal para o seguimiento das obras previstas no 2º Paquete de Infraestructuras paralizadas polos procesos electorais de ambos países para concluír ou avanzar obras como o bypass de Braga, a Saída Sur de Vigo, o corredor do Atlántico, no ámbito ferroviario e as conexións viarias entre Ponferrada-Barco de Valdeorras-Monforte-Ourense, o tramo pendente da conexión Lugo-Santiago e a mellora da estrada que une Bragança con Poboa de Sanabria.

 

Por outra banda, a Asemblea Xeral elixiu os seus novos órganos de goberno. Así por aclamación Ricardo Rio, alcalde de Braga será en novo presidente do Eixo Atlántico, por segunda vez. A vicepresidencia ostentaraa a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Mesa da Asemblea será o alcalde de O Barco, Alfredo García e a vicepresidenta da Mesa para a alcaldesa de Matosinhos, Luisa Salgueiro.
Os novos vocais serán os alcaldes das cidades de Pontevedra, Lalín, Santiago de Compostela; Bragança, Mirandela e Viana do Castelo xunto a Vigo e Porto como membros permanentes da Comisión Executiva,

A Asemblea foi clausurada pola  Ministra de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, quen afirmou sentirse feliz de participar en clausura da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico porque estivo durante varios anos ligada á cohesión e desenvolvemento territorial. A Ministra comprometeuse a que en 2020 Portugal chegue a executar 50% dos fondos destinados a operativas rexionais.