O Alcalde de Monforte asinou onte a acta de fin de obra da pavimentación da rúa do Cardenal

Monforte de Lemos, 12 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou na tarde de onte a acta de recepción de fin de obra de pavimentación da rúa do Cardenal, acto que se desenvolveu na propia rúa do Cardenal e no que estivo acompañado polo director de obra, Ramón Fernández, así como polo representante da empresa á que foi adxudicada, Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U., José Manuel Fernández, a 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé.

Esta importante obra de mellora, que supón para Monforte, en verbas do Alcalde “a recuperación da que é a rúa escaparate da nosa cidade, a rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, nalgún momento pasan”, foi rematada xusto a tempo para coincidir co inicio da 1ª Fase de Desescalada decretada polo Goberno de España ante a crise do coronavirus. Este aspecto é moi importante, xa que dende onte, “co remate oficial das obras de pavimentación, os locais de hostalería ubicados nesta rúa poderán instalar e poñer en funcionamento as súas terrazas e, do mesmo xeito, as tendas que teñan permitida a súa apertura nesta fase, poderán facelo contando cos accesos ás súas instalacións rematados”, destacou o rexedor municipal. 

O proxecto desta obra de mellora foi redactado en setembro de 2019 polo arquitecto Ramón Fernández da empresa Abante, quen tras levar a cabo varias análises en sucesivas visitas á rúa do Cardenal, puxo de relevancia a necesidade dunha reforma integral de dita rúa. O proxecto de pavimentación da rúa foi aprobado nun Pleno Ordinario municipal celebrado o día 30 de setembro de 2019.

A obra foi adxudicada no mes de xaneiro de 2020 á empresa OVISA, que presentou unha oferta por un prezo total de 280.720 euros (IVE engadido) e o financiamento deste proxecto de mellora fíxose a partir de remanentes provintes de fondos municipais.

Aínda que o prazo de execución era inicialmente de 56 días, este prazo foi ampliado por causa da declaración do Estado de Alarma derivado da crise do COVID-19, rematando deste xeito a obra de pavimentación do Cardenal a pasada semana.

Este proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar as infraestruturas e servizos da cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno.

 


O Alcalde de Monforte, co director de obra, responsables de Ovisa e Concelleiros do Equipo de Goberno, na rúa do Cardenal

Reforma integral da rúa do Cardenal

A reforma integral concebida para a mellora do pavimento da rúa do Cardenal, supuxo unha actuación que abarcou aproximadamente uns 2.222 m2 de superficie, e que consistiu nas seguintes accións previas:

  1. En primeiro lugar, procedeuse a levantar todo o pavimento, todas as lousas de granito, dende o entronque coa praza de España ata o entronque coa avenida de Galicia. E levouse a cabo de forma manual, co obxectivo de aproveitar ó máximo as lousas que estivesen en bo estado. Neste senso, os encargados do proxecto revisaron lousa a lousa -arredor de 5.000- para determinar cales presentaban algunha deficiencia e cales eran válidas; así estimouse que algo máis do 50% das lousas de granito estaban en bo estado e poderían ser reutilizadas na nova pavimentación.
  2. Levantáronse tamén os alcorques de adoquín que rodeaban ás árbores, así como a terra que había debaixo deles. O obxectivo foi nivelar esta zona de árbores e corrixir as raíces secundarias dos mesmos que fosen moi altas e dificultasen a colocación do novo pavimento. Deste xeito, procedeuse ó nivelado de toda a rúa.
  3. Desmontáronse todos os elementos de mobiliario urbano da rúa: bancos, papeleiras, arquetas, tapas de rexistro, barandas dos locais de hostalería, bolardos, o quiosco, sinais, o mupi informativo, etc..
  4. Levantouse tamén a franxa central de canalización de augas pluviais, a cal volveuse a instalar ben nivelada e canalizada, unha vez se colocaron as novas lousas de granito. Do mesmo xeito, tamén se levantou o bordiño de pedra de acceso á avenida de Galicia, que se volveu  refacer no transcurso das obras de mellora.
  5. Do mesmo xeito, levantouse a instalación e as luminarias existentes no pavimento antigo.

 

Rematadas estas accións previas, procedeuse á:

  1. Colocación de lousas de granito de 12 cm. de grosor sobre firme de formigón. Entre cada unha delas deixáronse 3 mm de separación e foron posteriormente seladas con formigón de alta calidade, para propiciar un espazo de dilatación entre cada unha delas que impida choques ou rupturas ante altas temperaturas.
  2. Instalado o novo pavimento, levouse a cabo unha limpeza integral de todo o conxunto de lousas con chorro de auga e area para harmonizar e igualar as cores das pedras reutilizadas (eliminando manchas e suciedade) con respecto ás lousas de nova colocación.
  3. Aproveitando esta obra de mellora, tamén se deixaron instaladas zanxas entubadas para diferentes usos en relación con futuras instalacións de canalización de cableado eléctrico, de internet ou telefónico, a fin de facilitar ás empresas que proporcionan estes servizos futuras instalacións sen que sexa necesario levantar a rúa.
  4. Do mesmo xeito, foron colocados todos os elementos de mobiliario urbano retirados para a execución das obras.
  5. Finalmente, tamén se procedeu á instalación de 19 luminarias para alumeado público ornamental con tecnoloxía LED 100 W.

 

A execución desta obra desenvolveuse, para non interromper totalmente o tráfico da rúa do Cardenal, en dúas fases, primeiro actuando sobre unha metade da rúa, en sentido lonxitudinal, e unha vez rematada esta primeira fase, abordouse a outra metade da rúa.

A empresa OVISA ofertou como melloras a instalación das canalizacións soterradas para a futura colocación de liñas eléctricas  e de telecomunicacións, e a ampliación do prazo de garantía por 1 ano completo a todo risco, a maiores do prazo de garantía de 1 ano que se establece obrigatoriamente neste tipo de contratos.

Deste xeito, o novo pavimento do da rúa do Cardenal contará con 2 anos de garantía, cuberta por unha póliza de seguro de todo risco de construción, co cal, durante eses 2 anos o Concello non terá que destinar fondos municipais á reparación de posibles deficiencias ou desperfectos na obra, sendo executada para elo dita garantía.

 

O Alcalde destacou que “co fin desta obra, dende o Equipo de Goberno damos cumprimento ó compromiso que adquirín, ó inicio deste novo mandato, de arranxar o grave problema que supuña o pavimento na rúa Cardenal, e hoxe creo que podo afirmar que cumprimos con ese obxectivo. Estamos ante unha rúa do Cardenal nova, que ofrece todos os elementos para para que os monfortinos e monfortinas disfruten dela con totais garantías”.