A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou hoxe as bases para concesión de subvencións a asociacións de carácter social

Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2019. Na Xunta de Goberno do Concello de Monforte, celebrada na mañá de hoxe, o Equipo de Goberno ven de aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de actuacións no ámbito dos servizos sociais no ano 2019.

Así, esta convocatoria pública ten por obxecto regular o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva  destinadas a entidades e asociación sen ánimo de lucro que realicen proxectos de prestación de servizos sociais no Concello de Monforte de Lemos para o ano 2019. As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “reafirmamos o noso compromiso coas persoas e cos servizos sociais, que son unha prioridade para este Equipo de Goberno. Porque o noso obxectivo é fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro municipal de asociacións atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios”.

A contía destinada a estas subvencións para o ano 2019 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de subvención por entidade. O importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70% do seu orzamento.

 

Requisitos

Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de iniciativa social ás que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio no ámbito dos servizos sociais e que soliciten subvención con cargo a esta convocatoria e reúnan á finalización do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

  1. Ter a súa razón social ou sede no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Carecer de ánimo de lucro.
  3. Estar inscrita no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
  4. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
  5. Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  6. Que a actividade para a que solicitan a subvención estea prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais.
  7. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.

Quedan excluídas para estas subvencións, as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á  publicación do extracto da convocatoria  no Boletín Oficial da Provincia, publicación que se prevé sexa nos vindeiros días.