TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 17 DE OUTUBRO DE 2024 -SARABELA TEATRO presenta O DRAGÓN DE OURO

O xoves 17 de outubro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a segunda das representacións para adultos que a Delegación de Cultura do Concello de Monforte programa no segundo semestre de 2024 na nosa cidade, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

A compañía SARABELA TEATRO presenta O DRAGÓN DE OURO obra coa autoría de Roland Schimmelpfenning, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e cun elenco artístico conformado por Fernando González, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fran Lareu e Fina Calleja.

Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa: un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida Tailandés - Chinés - Vietnamita, O Dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida. No balcón, sobre o Dragón de Ouro, un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos. No piso de abaixo, un home, deixado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución. Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas topa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa. Intercalada entre as escenas, está inserida a Fábula da Cigarra (que non gardaba nada no verán) e pídelle á Formiga que lle dea de comer.

O Dragón de ouro, é unha das obras deste autor máis representadas en todo o mundo. Mesmo hai unha adaptación á ópera. Esta vai ser a primeira vez que poidamos escoitala e vela en galego. Para iso contamos coa colaboración do Instituto Goethe e a magnífica tradución de Catuxa Pato. A obra sitúa o tema nun novo contexto e entusiasma a espectadores e espectadoras polo áxil cambio de roles. Os momentos humorísticos con paradoxos, debuxan un interesante retrato sobre os inmigrantes ilegais e a súa explotación no mundo occidental. O conflito central está no mundo mergullado de traballadores “sen papeis”; Schimmelpfenning sabe tirar desta idea de necesidade, de límite, de desexo de mudar as condicións de vida para sacar todo o proveito do mundo cunha mestría única.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.