TRÁMITES DIRIXIDOS A PERSONAS MAIORES
Axuda no fogar Trámites axuda no fogar
Xantar na Casa
O xantar na casa constitúe un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada, adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes que teñen dificultades para realizar a compra ou a elaboración de menús. É recurso complementario a outros servizos que se desenvolven no Concello: Teleasistencia, Axuda no Fogar, Transporte Adaptado,... co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas maiores.
Dependencia
Perda que unha persoa sofre, de forma temporal ou definitiva, da súa capacidade para ser autónoma, pasando a depender doutra persoa para as actividades básicas da vida diaria. A lei de dependencia establece os graos de dependencia, así como os servizos e prestacións aos que a persoa poida acceder segundo as súas necesidades.
Acollemento familiar para maiores
Axudas económicas para persoas maiores de 65 anos que desexen acollerse aos beneficios do programa de acollemento familiar. A finalidade deste programa é procurar o mantemento do maior no seu medio social habitual, facilitando a súa integración e evitando o internamento en institucións cando éste non se desexa.
Pensión Non Contributiva de Xubilación
Prestación económica individual de carácter periódico que asegura a todas as persoas en situación de xubilación e en estado de necesidade, que cumpran os requisitos, unha prestación económica, asistencia médica e farmacéutica gratuíta e servizos sociais complementarios, aínda que non se teña cotizado ou se cotizara de xeito insuficiente para conseguir o dereito a unha pensión contributiva.
Complemento para titulares de P.N.C. que residan en vivenda alugada
Complemento de pensión dirixido a persoas beneficiarias de pensións non contributivas que carezan de vivenda en propiedade e residan de forma habitual nunha vivenda alugada como titular do contrato, sempre que @ propietari@ non teña relación de parentesco co/coa pensionista.
Ingreso en residencia para persoas maiores
Establécense as prazas para persoas maiores en residencias da Xunta, así como as prazas públicas concertadas en residencias de persoas maiores válidas. As persoas recoñecidas en situación de gran dependencia ou dependencia severa accederán ao servizo de atención residencial só polo Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.
Teleasistencia
A Teleasistencia Domiciliaria é un servizo de atención telefónica continuada cun equipamento de comunicacións e informática específica. O acceso ao programa pode ser por libre concorrencia ou acceso a través do recoñecemento da situación de dependencia.
Programa de novas tecnoloxías "ACOMPÁÑOTE"
Programa destinado a promover a autonomía persoal daquelas persoas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade, facilitando a súa protección e control, a través dun servizo permanente de localización, así como contribuír á tranquilidade das familias e coidador@s.
Xuntos en Nadal
Programa que se desenvolve nos días de Nadal, destinado ás persoas maiores que estean soas e non teñan con quen pasar estas datas. Este Programa consiste en viaxe e aloxamento nun establecemento hoteleiro que anualmente así o indique a convocatoria.
Lecer e Benestar
Programa que ademais de fomentar o envellecemento activo e a dinamización social das persoas maiores, actúa na promoción da súa autonomía e na prevención da dependencia.
Termalismo Social
As persoas beneficiarias poden solicitar, dentro do prazo de convocatoria anual, pasar uns días a un prezo máis baixo nalgún dos balnearios que se oferten.
Programa de vacacións para maiores do IMSERSO
Programa para que @s maiores poidan participar dunhas vacacións no período comprendido entre os meses de outubro e xuño. As modalidades que se ofertan son estadías en zonas costeiras, viaxes culturais para coñecer a historia e a arte de España, turismo de natureza e intercambio con outros países.
Estadías temporais en residencia
Enténdese por estadías temporais a permanencia en réxime de aloxamento, mantemento e atención integral, nun centro xerontolóxico residencial público por un período de tempo predeterminado, durante o que as persoas usuarias terán os mesmos dereitos que @s residentes fix@s.
Área de Política Social Xunta de Galicia