19 de xuño de 2018. As Festas Patronais 2018 de Monforte xa teñen cartel anunciador. O Alcalde, José Tomé, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, presentaron o deseño que foi seleccionado polo xurado como o mellor de todos. Durante a roda de prensa, o rexedor e os concelleiros estiveron acompañados do gañador, Ángel Currás Pastoriza, do concello pontevedrés de Moaña e que recibirá 1.000 euros de premio.
“O meu obxectivo era realizar unha representación moderna, fresca e actual e facer unha postal, esta é a base principal”, explicou o autor do cartel gañador. Ángel Currás detallou que “todos os elementos que o compoñen tiñan que ter unha xerarquía clara e, ó mesmo tempo, moito protagonismo, e están situados en diferentes planos, en definitiva, a miña pretensión era escapar do esperable”.
Pola súa parte, o Alcalde, José Tomé, destacou que “dende este equipo de Goberno pensamos que o mellor é permitir a participación a calquera persoa que tivera interese en contribuír a divulgar as nosas festas a través da súa capacidade artística; porque desta forma temos unha maior aportación de ideas”. O rexedor engadiu que “o concurso para seleccionar o cartel das Festas é unha actuación que recuperamos o pasado ano 2016”.
Concurso de carteis
Un total de 21 traballos artísticos presentáronse no Concello para participar no Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, Son dous máis que o pasado ano. A maioría deles foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; En concreto hai 13 traballos da nosa cidade.
Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, como por exemplo Ourense, Lugo, A Coruña, Santiago, Tui, e Moaña, que finalmente foi o seleccionado.
Fóra de Galicia o concurso de carteis das Festas tamén espertou interese, Proba diso é que se presentaron un traballo dende Navarra.