Monforte de Lemos, 12 de abril de 2025. O XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte de Lemos a través da súa Concellería de Cultura, contará coa estrea de 7 obras correspondentes ós Centros educativos da cidade que participan neste certame.
Deste xeito, no Certame representaranse 7 obras de teatro, do 6 de maio ao 20 de maio de 2025, ambas datas incluídas. Todas as pezas escenificaranse ás 8 da tarde (20 h.) no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, tal e como ven sendo habitual.
Os centros participantes nesta edición, son Colexio Ferroviario, o CEIP A Gándara, o CEIP de Monforte Colexio Novo, o IES A Pinguela, o IES Río Cabe, a ANPA do CEIP A Gándara, Colexio PP Escolapios.
A colaboración do Concello de Monforte co Certame, duplícase nesta edición con respecto ós anos anteriores, para incentivar ós centros a que participen.
O Concello colaborará cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros por centro ou asociación, o dobre de aportación que en edicións anteriores, coa intención de incentivar ós centros a que continúen participando neste certame, que supón a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos curriculums educativos, altamente valorada pedagóxicamente, polos profesionais do ensino.
Os premios consistirán na gravación das obras representadas, que serán entregadas ós centros participantes nun lapis de memoria, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.
A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 26 de maio de 2025 ás 18:00 h.
Participantes no XXXII Certame Municipal de Teatro
- CEIP de Monforte, coa obra “Ser diferente”, o martes 6 de maio.
- Colexio P. Ferroviario, coa obra “Matilda”, o xoves 8 de maio.
- IES A Pinguela, coa obra “Asasinas a soldo”, o venres 9 de maio.
- IES Río Cabe, coa obra “Xespirando, xoguete cómico para todes”, o luns 12 de maio.
- Colexio PP. Escolapios, coa obra “A pantasma de Canterville”, que se representará o martes 13 de maio.
- ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Lingua viva”, o lunes 19 de maio.
- CEIP A Gándara, coa obra “A muralla”, o martes 20 de maio.