O Consello Municipal de Saúde acorda por unanimidade requirir á Consellería de Sanidade que dote dun novo mamógrafo ó Hospital de Monforte

Monforte de Lemos, 26 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, no día de onte martes 25 de febreiro, presidiu a sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde no Salón de Plenos da Casa Consistorial, preocupado pola problemática que atravesa nestes momentos o Hospital Comarcal de Monforte, a cal lle trasladaron persoalmente tanto traballadores coma pacientes, en relación coa avaría do mamógrafo que se utiliza para a detección dos cancros de mama.

Neste senso, o Alcalde tivo coñecemento do fallo do mamógrafo do Hospital Comarcal de Monforte polos medios de comunicación. A partir dese momento, o rexedor monfortino levou a cabo as xestións oportunas para esclarecer esta problemática e saber da súa dimensión.

Constatando a existencia deste problema, o Alcalde procedeu a convocar esta sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde o máis rápido posible, tendo finalmente lugar no día de onte.

Deste xeito, o punto da orde do día foi abordar a situación sanitaria do Concello de Monforte de Lemos, e en concreto a problemática derivada da avaría do mamógrafo do Hospital Comarcal de Monforte.

Neste senso, a avaría do mamógrafo produciuse no mes de xuño do pasado ano 2024, polo que dende que se confirmou este aspecto, aumentou a inquedanza daquelas mulleres que fixeron probas con dito aparato, estando xa estropeado. Neste senso, o Consello incidiu na necesidade de que a Xunta se pronuncie sobre a validez destas probas que se fixeron co mamógrafo avariado, para que as persoas poidan estar tranquilas. E tamén, que dende a Consellería se lles dea a opción, a aquelas mulleres que o desexen, de repetir a proba, para a súa tranquilidade e saúde.

O Alcalde destacou que “non podemos permitir que o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos teña un mamógrafo con deficiencias, xa llo expresei en anteriores ocasións e reitéroo de novo, os monfortinos e as monfortinas non somos cidadáns de segunda”. E engadiu que “non é de recibo que as mulleres da que é a segunda cidade da provincia teñan que desprazarse a Lugo para utilizar este servizo, xa que isto cáusalles un problema enorme tanto no plano persoal como o plano laboral”.

Por outra banda, tamén se abordou na xuntanza a falta de especialistas no Hospital Comarcal de Monforte, algo que xa se abordara na anterior xuntanza do Consello Municipal de Saúde, logo da cal se dera traslado á Consellería de Sanidade destas carencias. Pero esta situación de falta de especialistas, lonxe de mellorar, empeorou. Porque a esa lista de falta de especialistas, recentemente engadiuse a consulta de dermatoloxía, que obriga ós pacientes a ir a Lugo. E prometérase unha terceira praza en hematoloxía, pero en vez de cubrila, non se fixo e elimináronse as gardas dos dous hematólogos que hai, alegando as autoridades sanitarias que non era necesario ter hematólogos de garda.

Tras o debate, e a proposta do Alcalde, o Consello Municipal de Saúde adoptou por unanimidade os seguintes acordos:

  1. Requirir á Consellería de Sanidade que dote dun novo mamógrafo ó Hospital Comarcal de Monforte, á maior brevidade posible, evitando os desprazamentos das mulleres a Lugo para realizar as probas correspondentes, ben sexa de cribado como de probas diagnósticas.
  2. Requirir á Xunta de Galicia (SERGAS) que se pronuncie sobre a validez das mamografías que se levaron a cabo dende o inicio da posible avaría do mamógrafo no mes de xuño.
  3. Que a Consellería de Sanidade ofreza a opción de repetir as mamografías ás pacientes que así o soliciten para a súa tranquilidade.
  4. Que a Consellería de Sanidade cubra as carencias de especialistas do Hospital Comarcal de Monforte, nomeadamente en dixestivo, psiquiatría, rehabilitación, pediatría, radioloxía, laboratorio, hematoloxía e dermatoloxía.
  5. Dar traslado deste acordo do Consello Municipal de Saúde, ó Sr. Conselleiro de Sanidade, ó Sr. Xerente do SERGAS, ó Xefe da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e á Xerente do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.