O Alcalde incrementa as axudas do XI Concurso para a confección de traxes medievais e anuncia a apertura do prazo para solicitar a participación na XXI Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na Xunta de Goberno Local celebrada onte luns 17 de febreiro, aprobáronse tanto as bases do XI Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais como as bases para a solicitude de participación na XXI Feira Medieval de Monforte.

A XXI Feira Medieval celebrarase o sábado día 19 e o domingo 20 de abril de 2025, coincidindo coa fin de semana de Semana Santa. O Alcalde recorda que “o pasado ano 2024 a Feira Medieval chegou á súa vixésima edición, polo que xa solicitamos a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, pero aínda non recibimos a resolución a este respecto por parte da Xunta de Galicia”.


Foto de arquivo da XX Feira Medieval de Monforte (2024)

XI Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais

Tras a aprobación das bases, o Equipo de Goberno abre a convocatoria do XI Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais.

Para esta undécima edición, o rexedor monfortino decidiu incrementar a partida destas axudas, pasando a conceder 60€ por persoa, cando en 2024 foran 50€, é dicir un incremento de 10€ por persoa, un 20%. Tendo en conta que poden resultar premiadas un máximo de 60 persoas, a partida total ascende a 3.600€, 600€ máis que en 2024.

José Tomé Roca, salienta que “con esta convocatoria queremos animar ós monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, como fixeron sempre, coa confección dos seus traxes, para o cal poderán participar no concurso de axudas, que convocamos a través das tres radios locais da cidade, dende hoxe martes día 18 e ata o 28 de febreiro de 2025”. Polo tanto, o obxectivo deste concurso é aumentar a participación dos veciños e veciñas de Monforte nos diferentes actos da Feira Medieval.

Os veciños e as veciñas interesados en participar neste concurso de axudas para a confección de traxes medievais deberán chamar ata o 28 de febreiro de 2025 ás radios Onda Cero Monforte, Radio Principal Monforte Cadena Ser e Radio Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta referida a Monforte formulada pola locutora ou o locutor.

O número máximo de persoas participantes será de 60 e non poderán participar aquelas que xa recibiran a axuda nos concursos de confección de traxes medievais dos últimos tres anos. Cada radio repartirá un máximo de 20 premios nominais ás 20 persoas que acerten a pregunta.

As radios colaboradoras emitirán unha lista o 3 de marzo das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto. Estas persoas deberán pasar polo Concello, entre o 7 e o 14 de marzo, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 60 euros por persoa.

Esta subvención deberá ser empregada na confección e elaboración dun traxe medieval que se lucirá nos actos da Feira Medieval os días 19 e 20 de abril de 2025.

Unha vez sexa emitido o informe polo Departamento de Cultura, no que se poña de manifesto que os solicitantes coincidan coas persoas que acertaron a pregunta no programa de radio e que non houberan participado en concursos anteriores (últimos 3 anos), comprobarase que ditos gañadores se atopen ó corrente de obrigas tributarias co Concello de Monforte, e ditarase unha resolución acordando conceder a condición de beneficiarios ós que cumpran os requisitos, unha vez verificado que non exista impedimento legal para recibir a subvención.

Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 19 e 20 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.

Tras a celebración da Feira Medieval, os beneficiarios da subvención, entre o 21 e o 30 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe, polo importe  concedido como mínimo, no que conste o pago e o concepto.

Unha vez comprobado que a factura reúne todos os requisitos legais e que os beneficiarios participaron na XXI Feira Medieval, o Concello emitirá unha resolución recoñecendo a obriga a favor dos beneficiarios e procederá ao pago das axudas.

Os participantes neste concurso non poderán participar no Concurso de Traxes Medievais convocado polo Concello.

Os establecementos colaboradores co Concello de Monforte no Concurso de axudas para traxes medievais son:

  • Retales Merce: Rúa Doutor Teijeiro, 38.
  • Coser Cosiendo: Rúa Calvo Sotelo, 7.
  • Nita Veiga: Rúa do Cardeal, 6 (só adquisición de teas).
  • Teresa Lamela Costura: Rúa Doutor Casares, 66.
  • Gnomos: Rúa Hermida Balado, 10.

A inscrición no concurso de axudas para a confección de traxes medievais implica a autorización ó Concello de Monforte de Lemos de todos os participantes inscritos, da recollida e tratamento dos Datos Persoais dos participantes que teñen como finalidade a xestión do concurso convocado polo Concello como a publicación dos gañadores. A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases.

Para calquera cuestión ou aclaración adicional poderán dirixirse á Concellería de Cultura do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n, teléfono: 982402501).

Descarga de documentación XI Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais:

Bases XI Concurso axudas confección traxes medievais XXI Feira Medieval de Monforte 2025

Solicitude participación XI Concurso axudas confección traxes medievais XXI Feira Medieval de Monforte 2025

 

Aberto o prazo de solicitude de participación na XXI Feira Medieval

Tamén na Xunta de Goberno celebrada onte luns 17 de febreiro, aprobáronse as bases para a solicitude de participación na XXI Feira Medieval.

Estas bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar, así como aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos, a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.

Segundo se especifican nas citadas bases, o prazo de inscrición está aberto dende hoxe 18 de febreiro e ata o 17 de marzo, e posteriormente publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o pago dos prezos de inscrición.

A organización da XXI Feira Medieval admite tres modalidades de postos: gastronomía, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesán.

O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño.

No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10:00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21:00 e 23:00 horas.

Todas as persoas interesadas en solicitar a participación con posto de venda na XXI Feira Medieval de Monforte de Lemos, deberán cubrir a solicitude oficial, na que se inclúe a Declaración Responsable e presentalo no rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos ou a través da sede electrónica: https://sede.monfortedelemos.es

Tamén poderán presentarse no Rexistro oficial do Concello. No caso de presentarse fora do Concello, o/a solicitante deberá dirixir por correo electrónico á dirección: feiramedieval@concellodemonforte.com, a correspondente solicitude e documentación anexa no prazo establecido como período de solicitude.

Para máis información, dirixirse á Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos: 698181551 e 982884775 e no correo: feiramedieval@concellodemonforte.com.

Descarga de documentación para a solicitude de participación na XXI Feira Medieval:

Bases participación XXI Feira Medieval de Monforte 2025

Regulamento XXI Feira Medieval de Monforte 2025

Solicitude participación XXI Feira Medieval de Monforte 2025

 

“A Feira Medieval de Monforte é un dos eventos mais importantes da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.