Volve ó teatro este xoves 13 da man do Concello de Monforte, con Neura, da compañía De Ste Xeito Produción

Monforte de Lemos, 10 de febreiro de 2025. O teatro volve a ser protagonista esta semana da actividade cultural deseñada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2025.

Así, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 13 de febreiro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Neura, da compañía De Ste Xeito Produción, obra escrita e  dirixida por Manuel Pombal Pérez e interpretada por Stephy Llaryora e Sergío Macías.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

 

Sinopse

Neura é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven  con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.

 Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se encontren fronte a fronte cunha versión actualizada da persoa á que coñeceron.

 Situacións novas e sorprendentes que nos farán viaxar dun xeito hilarante a través do mundo dos trastornos e a saúde mental. Un camiño afastado de preconceptos caducos, que confronta con sinxeleza as múltiples alteracións da personalidade. Manías das que ninguén se libra, por moito que as ocultemos ou sexan tabú.

Neura é unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectid@s. A mellor terapia: rirnos de nós mesm@s!.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será As Alumnas da compañía Culturactiva que terá lugar o xoves 13 de marzo no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.