Teatro en Monforte este xoves 13 con As Alumnas, da compañía Culturactiva, dentro do programa do 8M, Día internacional da Muller

Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2025. Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves 13 de marzo ás 20:15 no Edificio Multiusos a posta en escena da obra para adultos As Alumnas, da compañía Culturactiva, obra escrita por Paula Carballeira, dirixida por Fina Calleja e interpretada por Mónica Caamaño e Anabell Gago.

A obra enmárcase dentro do programa de actos do 8M Día Internacional da Muller, organizado pola Concellería de Muller e Igualdade e o CIM, en colaboración coa Concellería de Cultura.

O prezo da entrada xeral para esta obra é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.

 

Sinopse

As Alumnas trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil que percorren diferentes camiños e que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

As Alumnas busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu  a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A  través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

 A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

A forma da peza parte desa pedagoxía que recolle María Barbeito de Maria Montessori  ou Ovide Decroly: centros de interese, láminas ilustradas, a torre rosa, as imprentas infantís, os traballos de clase, os debuxos, a música, a  observación da natureza, o coidado e o respecto polas necesidades de aprendizaxe de cada nena.

Un ano máis, aplicando as políticas de igualdade dun xeito transversal, a Concellería de Cultura de Monforte colabora coa Concellería de Muller e Igualdade, incluíndo na súa programación obras teatrais con perspectiva de xénero.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, será A nena e o grilo camiño das cores da compañía Magín Blanco, que terá lugar o domingo 16 de marzo ás 6 da tarde no Auditorio do Edificio Multiusos, con entrada gratuíta e irá dirixida a público infantil e familiar.