-Esta fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de abril, estase a celebrar unha nova edición do Mercado para a Medieval, na zona dos mercados da Praza de Abastos de Monforte.
Monforte de Lemos, 5 de abril de 2025. O Mercado para a Medieval, que constitúe o preludio da Feira Medieval, conta este ano con 11 stands que ofrecen esta fin de semana todo tipo de produtos e servizos para preparar axeitadamente a participación da Feira Medieval, como traxes, complementos, artesanía, ideas decorativas, maquillaxe, gastronomía, etc.
Durante a xornada de hoxe, o Mercado para a Medieval foi visitado por gran cantidade de curiosos, que acudían a interesarse por traxes, adornos e complementos de cara á celebración da Feira Medieval que terá lugar o 19 e 20 de abril.
A hora preferida polos visitantes para acidir ó Mercado, foi sen dúbida durante a celebración do acto central no día de hoxe, que foi o Desfile de Traxes Medievais e complementos, que se celebrou ás 18:30 h e que, este ano por primeira vez, saiu á rúa, facendo un circuito dende a entrada do mercado ata a entrada do espazo gastronómico.
Durante o desfile puidéronse lucir 92 traxes de época, presentados por 23 modelos, adultos e nenos, perfectamente ataviados tanto en vestimenta, como en complementos e peiteados, que fixeron as delicias do público asistente, facilitando a tarefa de escoller os nosos traxes, para lucir na Feira Medieval de 2025.
O Alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Medio Rural, José Luis Losada presenciaron o desfile entre un público que desfrutaba da posta en escena, que se desenvolveu de forma impecable e que este ano, por primeira vez, tivo que aumentar o percorrido da pasarela de moda, polo éxito de anteriores edicións, que deixaban pequeno o recinto dos mercados da Praza de Abastos, para albergar ó público asistente.
Mañá, domingo 6, será o último día do Mercado para a Medieval con horario tamén de mañá e tarde, de 11 a 14 h e de 17 a 20 horas. Un dos actos centrais na xornada de mañá, será a entrega de premios do Concurso de repostería e pastelería “A polo mellor doce”, con elaboración de doces relacionados coa repostería ou estética medievais e que os visitantes estiveron votando durante o día de hoxe. Este ano pódense votar tres categorías diferentes: tradicional, innovador e creativo e tras a entrega de premios, que se celebrará as 13:30 h, realizarase un sorteo dos doces expostos entre os participantes na votación dos doces, que concursaron.
Con este certame, tal e como explicou o Alcalde “buscamos potenciar e promocionar a Feira Medieval, un evento turístico que trae unha gran afluencia de público e visitantes a Monforte durante a fin de semana da Semana Santa”