A Tenente de Alcalde e membros do Equipo de Goberno acoden á festividade de San Blas en representación do Alcalde de Monforte

Monforte de Lemos, 3 de febreiro de 2025.  A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, e as concelleiras de Muller e Igualdade, Margarita López, e Consumo, Regina López, participaron hoxe nos actos litúrxicos arredor da festividade de San Blas, en representación do Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, quen non puido acudir ó acto por ter outros compromisos institucionais.

Seguindo a tradición, hoxe luns as once da mañá celebrouse a misa matinal da festividade de San Blas, nunha igrexa ateigada de monfortinos e monfortinas. A eucaristía tivo lugar na igrexa de San Vicente do Pino, escenario tradicional desta celebración.  

 Tal e como é costume no Val de Lemos, tamén se levou a cabo a bendición das roscas e das cintas dos monfortinos e monfortinas presentes na celebración.

Tras a bendición, tivo lugar unha procesión coa imaxe do San Blas polo exterior do templo.

A Policía Local do Concello de Monforte estableceu un dispositivo especial de tráfico que garantiu que a circulación e os accesos a igrexa, e o acto desenvolveuse con total normalidade.