Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2025. Coa celebración na tarde-noite de onte mércores 5 de marzo do Enterro da Sardiña, o Concello de Monforte puxo o colofón ós actos do Entroido 2025, o máis exitoso dos últimos anos.
Como é tradición, a Cofradía do Santo Enterro da Sardiña saíu da praza de España ás 8 da tarde, pero variando o seu percorrido habitual, por mor das obras que se están levando a cabo no Cardenal estreito. Deste xeito, o percorrido deste ano transcorreu pola rúa Comercio, Praza de Doutor Goyanes, rúa Hortas, rúa Hermida Balado, rúa Cardeal (peonil), avenida de Galicia, dende Cardeal peonil ata cruce con rúa Ourense, Campo de San Antonio e chegada á praza do Concello diante da fachada principal.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación municipal, recibiu á comitiva do Enterro da Sardiña diante da fachada do Concello, onde lle foron entregadas as coplas para ser cantadas nesta edición de 2025.
Tras a leitura e cánticos das coplas, ante o numeroso público que participou nesta edición, a comitiva desprazouse ata a Ponte Vella onde a sardiña foi ceibada no río Cabe.
O Alcalde amosou a súa satisfacción porque todos os actos organizados dende o Equipo de Goberno para o programa do Entroido foron todo un éxito, e en especial o Martes de Entroido, no que o tempo acompañou e foron máis de 1.300 os participantes no desfile de Disfraces e Comparsas, que é a cifra máis alta dos últimos anos no noso concello.
Cabe recordar que para o Entroido 2025, o Executivo de José Tomé destinou 25.000 euros en premios, que é a cifra máis alta da historia.
Neste senso, o Alcalde agradeceu “a implicación y a participación de todos aqueles monfortinos que se inscribiron para concursar tanto no Martes de Entroido, como os que o fixeron no Xoves de Comadres e Compadres e tamén a aqueles que se disfrazaron pola súa conta, que foron moitos, e que contribuíron tamén ó éxito do Entroido en Monforte”.
En conxunto, podemos falar que o Entroido 2025 foi unha das mellores edicións dos últimos anos, onde as cifras de participación foron espectaculares tanto no xoves de Comadres, como de Compadres, no Martes de Entroido e tamén no Enterro da Sardiña, celebrado onte.