Monforte de Lemos, 3 de marzo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que este xoves 6 de marzo a partir das 8 da mañá, levarase a cabo un corte na rede xeral de abastecemento de auga, que abastece o depósito de San Vicente debido ás probas de presión que se levarán a cabo na nova tubaxe da rede xeral de abastecemento de Monforte, probas que serán efectuadas pola empresa Aqualia.
Deste xeito, os traballos realizaranse entre as 8:00 e as 15:00 horas deste xoves 6 de marzo, e verase afectado polo corte de subministro, a Parroquia de Reigada.
Co obxectivo de finalizar as obras de instalación da nova tubaxe da rede xeral que abastece os depósitos de San Vicente dende os Depósitos do Cornado, levaranse a cabo as mencionadas probas de presión, necesarias para certificar o correcto funcionamento de dita tubaxe.
Nova tubaxe da rede xeral de abastecemento de Monforte
En novembro de 2022 deron comezo os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte, logo de que o Alcalde de Monforte asinara no mes de xullo de 2022 coa empresa FCC Aqualia S.A., un preacordo para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”, proxecto que consiste na dotación dunha nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.
O inicio das obras tivo na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas e a obra foi avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado.
O Alcalde salienta que “esta actuación suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.
Antecedentes
O 7 de xuño do ano 2001, o Concello de Monforte e a empresa FCC Aqualia S.A., formalizaron o contrato administrativo da concesión do servizo de abastecemento de auga. No prego de cláusulas de dito contrato, o criterio nº 9 de adxudicación establecía as melloras de dito contrato, resultando a empresa Aqualia como a que obtivo a puntuación máxima nese criterio.
Conforme a iso, as melloras ofertadas pola empresa como “Plan de Investimentos”, consistían na execución dunha serie de obras por importe total de 400.316.000 pesetas (2.405.947,68 euros), e que debían comezar a executarse ós 3 meses da entrada no servizo.
En concreto, as obras ofertadas consistían nun estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, a mellora nos depósitos de San Vicente, a execución de fontes cibernéticas modulares, a execución dun parque acuático en Monforte, así coma outras melloras que favorecesen a prestación do servizo.
Das referidas melloras, Aqualia realizou parcialmente a obra referente ó estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, investindo a cifra de 40.784,96 euros (dos 378.803,49 ofertados) e respecto da construción dun parque acuático para Monforte, aportou 143.182,29 euros para a adquisición dos terreos, habendo ofertado un total 1.594.236,34 euros para este proxecto.
Neste senso, o Alcalde recordou que “so se fixo unha pequena parte do investimento de 2,4M€, e de xeito irregular; cando en 2015 cheguei á Alcaldía, iniciamos un diálogo coa empresa para normalizar unha situación que había sido conflictiva dende o inicio do contrato”.
O 19 de marzo de 2018, o actual Alcalde elevou ó Pleno da Corporación a proposta de requirir á empresa demandante o abono da cantidade de 2.221.980,43 euros, máis os intereses legais, en concepto de importe pendente de executar das obrigacións de investimentos contractuais desta empresa, pero non foi aceptada polo Pleno, “polo que o proceso de diálogo non puido concluír”.
“Cando as circunstancias políticas cambiaron na composición do Pleno, acordamos requirir a Aqualia o que entendíamos que faltaba por investir, mais os intereses de demora”. Así, o 24 de febreiro de 2020, o Pleno do Concello de Monforte acordou instar a FCC AQUALIA, á execución de investimentos por un importe de 2.221.980,36 €, incrementado no correspondente interese legal do diñeiro, dando un resultado total de 3.718.223,00€. Devandito acordo foi recorrido por FFC AQUALIA S.L., ante a xurisdición contencioso administrativa.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditou a Sentenza n.º 269/2021, de 30 de decembro, en relación co recurso interposto por FCC AQUALIA S.L. na que se ordenou a execución de investimentos, por un importe total de 1.671.671,22 €, que haberían de ser incrementados cos intereses, desde a data que se indicou na resolución xudicial ( 21 de marzo de 2018).
Contra esta sentenza procedeuse a formular recurso de apelación, tanto por FCC AQUALIA, S.A, como polo Concello de Monforte de Lemos.
O Alcalde indicou tamén que “dende o Concello continuaremos con dito recurso de apelación, pero entendemos que é importante que naqueles puntos en que ambas partes, Aqualia e o propio Concello, estean de acordo, se proceda ó seu cumprimento, para non demorar actuacións que creemos son importantes para a nosa cidade, como é o recollido no Preacordo que acabamos de asinar”.