Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2025. O Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade, organiza ao longo desta semana diversas actividades nos centros de ensino de Monforte de Lemos, co gallo do 8 de marzo Dia Internacional da Muller.
Hoxe martes 11 de marzo, ás 20.00 horas desenvolverase unha charla dirixida a nais, pais, profesorado e calquera persoa interesada en xeral que xirará arredor da Educación dixital positiva para as familias. A entidade que vai impartila, Pantallas Amigas, ten como misión a promoción do uso seguro e saudable das novas tecnoloxías e o fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia.
A charla terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro e terá como obxectivo ofrecer unha perspectiva educativa e analizar medidas de prevención que nos permitan acompañar aos nosos fillos e fillas dende a educación dixital positiva para facer fronte ás situacións de risco derivadas do uso da Internet, móbiles e outros servizos e tecnoloxías conectadas, así como os hábitos de uso e os beneficios que estes aportan.
Convivencia dixital en Igualdade: como previr a Violencia de xénero é o título dos obradoiros educativos para o alumnado de 2º ESO, centrados en ofrecer ao alumnado unha referencia clara de cales son as oportunidades que nos brinda o mundo dixital e os seus riscos, así como o coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión…