O Alcalde supervisa o asfaltado da rúa Rosalía de Castro, logo do remate das actuacións nesta vía correspondentes á 2ª fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte

Monforte de Lemos, 20 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou as obras de asfaltado da rúa Rosalía de Castro, incluída na 2ª Fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, correspondentes ó proxecto de actuacións que están a desenvolver o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Tras supervisar hai uns días o fin das actuacións nas rúas Concepción Arenal e Doutor Casares, o rexedor monfortino visitou nesta ocasión os avances levados a cabo noutra das rúas do barrio da Estación que quedaban por concluír, dentro das actuacións de mellora da rede do saneamento.

En concreto, na rúa Rosalía de Casto, os traballos consistiron no deseño e execución dunha  rede separativa, nesta rúa e na rúa Concepción Arenal. Instaláronse así novos colectores para substituír á condución unitaria existente, situándose no centro da calzada.

A partir dos caudais previstos, instalouse unha tubaxe de PVC de 400 mm de diámetro para as pluviais desta rúa Rosalía de Castro, e con continuación por Concepción Arenal, con PVC de 500 mm de diámetro. Para as residuais de ambas rúas, instalouse unha tubaxe de PVC corrugado de 315 mm de diámetro. Estas canalizacións foron protexidas cunha lousa de formigón de 30 cm de espesor.

Para dar tratamento e saída ás pluviais, instalouse un separador hidrodinámico, que asegurará que as escorrentías das augas pluviais reciban un pretratamento mínimo, xa que a través da súa tecnoloxía de separación, retén residuos, aceites, sedimentos e graxas asociados ás escorrentías.

Finalizadas as obras da nova canalización na rúa Rosalía de Castro, procedeuse ó fresado do pavimento da calzada e posteriormente asfaltouse a través de aglomerado asfáltico en quente de 5 cm de espesor.

Do mesmo xeito, repuxéronse as beirarrúas a ambos lados da calzada, ampliando o seu ancho ata os 1,8 m requiridos pola normativa de accesibilidade.

Estas actuacións enmárcanse dentro da 2ª Fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, que se traducen en actuacións, ademais de en Rosalía de Castro, nas rúas Concepción Arenal, Doutor Casares, na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro, na rúa Doutor Casares-Morín e na prolongación de Xoan Montes.

O investimento para estas actuacións alcanzou os 1,8M€, e a obra foi adxudicada á empresa Misturas Obras e Proxectos, que pertence ó grupo Extraco.

As actuacións están cofinanciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aporta o 80% da inversión, e polo Concello de Monforte, con unha porcentaxe do 20%.

Con estes traballos, tal e como explicou José Tomé , “estanse a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e  abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas , por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente”.

Todas estas actuacións teñen como obxectivos principais, por un lado, a redución de augas brancas que se incorporan á rede de forma irregular por deficiencias construtivas e do estado de conservación dos pozos e dos colectores e por outro, levar a cabo reparacións estruturais da rede nas rúas mencionadas que precisan dunha intervención mais urxente.

Este proxecto ven a continuar coa labor de mellora no mal estado da rede de saneamento de Monforte, despois das melloras realizadas, nunha I Fase, nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo.