-José Tomé Roca recibiu na tarde de onte, sábado día 5, no Parque dos Condes, ás bruxas que participaron do IV Aquelarre das Meigas do 2025.
-Este acto supón a clausura do “Estase Cocendo”, iniciativa organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEHL) que conta co apoio do Concello de Monforte e que se desenvolveu dende o 15 de marzo ata o domingo, 6 de abril.
-O Alcalde dirixiuse ás meigas entre as que se atopaban a Tenente Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón, e Mª Luisa Vázquez López, membro da Corporación Municipal, para expresarlles o compromiso do Equipo de Goberno de seguir apoiando iniciativas coma esta, “que contribúen á dinamización da nosa hostalería na nosa cidade e na comarca, e que son un reclamo para que a xente se anime a visitar Monforte e a Ribeira Sacra”.
-Tomé tamén quixo agradecer o intenso traballo que están a facer con esta campaña gastroturística que se traduce nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra, felicitando a Bea, cabeza visible da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería na tarde de onte.
-Durante estas xornadas do Cocido da Ribeira Sacra, participaron unha treintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.
-O programa conta tamén cunha serie de actividades, como unha quedada de motos que tivo lugar o 23 de marzo, visitas guiadas por Monforte e o Cocido das Meigas que se celebrou este sábado 5 de abril, que xunto co posterior aquelarre celebrado no Parque dos Condes, clausura o “Estase cocendo 2025”.