Monforte de Lemos, 19 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe no Espazo +60 de Afundación, no número 18 da rúa Cardeal, a exposición “Auga. O sangue da terra” do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel, “Piro”.
Trátase dunha exposición fotográfica que ten como obxectivo concienciar á poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga. Esta exposición chega a Monforte, logo de que hai uns días o Alcalde asinara con Abanca e A Fundación Galicia Obra Social, un convenio de colaboración.
Na inauguración, ademais do Alcalde e do fotógrafo artífice da exposición, participaron o Coordinador de Negocio Institucional en Lugo de Abanca, Carlos Teijeiro, a Coordinadora Institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz Fernández-Anguiano, a Coordinadora do Espazo +60 Afundación de Monforte, Carlota Álvarez, así como a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada.
Na súa intervención, o rexedor monfortino puxo en valor esta exposición, pola relevancia do tema que aborda “xa que tendo como elemento común a auga, percorre a superficie mundial dende zonas moi húmidas a zonas moi áridas, onde a auga sobra ou escasea, polo que é moi importante a súa xestión, especialmente os seus aproveitamentos en sitios difíciles”.
José Tomé salientou a importancia “desta magnífica exposición” e animou a visitala a todos os monfortinos e “especialmente ós nenos e nenas para que lles motive e lles faga reflexionar sobre a importancia que ten a auga para o ser humano”.
O Espazo +60 de Afundación acolle entre o 19 de febreiro e o 26 de marzo de 2025 esta exposición arredor da auga, que se poderá visitar de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 20.00 horas.
“Auga. O sangue da terra” realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, ou deserto de Atacama foron fotografados polo monfortino Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
As imaxes da exposición distribúense en diversos bloques:
-Os estados da auga recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia. No primeiro caso o traballo centrouse en plasmar o paso da auga en estado sólido a líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
-A auga e a vida conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
-Vivindo na escaseza é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, en Chile, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.
O Concello de Monforte de Lemos e ABANCA, veñen desenvolvendo ó longo dos últimos anos unha intensa labor de colaboración no ámbito sociocultural, coa organización de diversas exposicións de gran interese para a cidadanía, e que ubican no Espazo +60 que Afundación ten en Monforte.