-Son o X Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros, o IX Concurso de Decoración de Balcóns e o XII Concurso de Traxes Medievais, para os que o Alcalde e o seu Equipo de Goberno destinan 3.200 euros en premios, un 60% mais que en edicións anteriores.
-O prazo para realizar a solicitude de participación nestes concursos ábrese o luns 31 de marzo e a data límite para anotarse será o 15 de abril de 2025 no Rexistro xeral do Concello de Monforte.
-O obxectivo da convocatoria destes concursos é, como en anos pasados, dinamizar e potenciar a participación e desenvolvemento da Feira medieval de Monforte animando tanto ós establecementos como ós veciños a que engalanen a cidade para a celebración da Feira medieval. O Alcalde que afirmou que a colaboracións dos veciños é unha parte fundamental do éxito desta celebración, quixo invitar unha vez mais a todos os monfortinos á participación en todos os concursos e agradecer o traballo que realizan decorando tanto negocios, como casas particulares así como o esforzo de vestirse de época para a ocasión, que resulta indispensable para o ambiente que se vive nas rúas. Con este obxectivo, o Equipo de Goberno fai un esforzo orzamentario incrementando os premios nun 60% mais que en anos anteriores.
-Tras convocar o Concurso de axudas para a confección de traxes medievais e unha vez pechado o prazo, para solicitar a participación na mesma (postos de alimentación, artesanía e comercio), o Equipo de Goberno convoca, como en pasadas edicións, estes tres concursos co obxectivo de animar ós monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma.
Monforte de Lemos, 27 de marzo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que “a partir deste luns 31 de marzo, todo aquel que se queira apuntar nalgún dos tres concursos que convocamos dende o Concello de Monforte arredor da XXI Feira Medieval, poderá facelo ata o 15 de abril no Rexistro Xeral do Concello.” A 21ª edición da Feira Medieval celebrarase o 19 e 20 de abril de 2025.
O obxectivo é animar ós monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma xa que tal e como afirma o Alcalde, a colaboración cidadá nos preparativos da Feira Medieval, é unha parte esencial para acadar o resultado final que todos estes anos se conseguiu. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 3.200 euros en premios, que supón un 60% mais que en edicións anteriores, co obxectivo de motivar á participación dos cidadáns nas tres modalidades de concursos convocadas
IX Concurso de Decoración de Balcóns
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns, así como fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios, que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os balcóns, fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os balcóns participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 17 ó 20 de abril de 2025.
O xurado valorará a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.
Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100 € ademáis da creación, este ano por primeira vez de tres accésits de 50 €. A cantidade dos premios que este ano se incrementou no dobre do ano pasado, pretende motivar ós cidadáns a que participen nesta modalidade de concurso co obxectivo de ter engalanada a cidade nas datas de celebración da Feira Medieval.
A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 20 de abril ás 19:00 h. na praza de España.
X Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores establecementos que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais e hostaleiros situados na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración será acorde coa época medieval. Os establecementos comerciais participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 17 ó 20 de abril de 2025.
Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 300 euros, o segundo 200 € e o terceiro 100 € ademais da creación por primeira vez, este ano, de tres premios accésits .
A decisión do xurado e entrega de premios sobre os gañadores do concurso farase pública o domingo 20 de abril ás 19:00 h na praza de España. Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.
XII Concurso de Traxes Medievais
O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a súa participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da XXI Feira Medieval.
Esta actividade realizarase dentro do programa de actos da XXI Feira Medieval o día 20 de abril de 2025.
As modalidades e premios do Concurso de Traxes Medievais son as seguintes, entendendo por infantil ata os 12 anos:
Adultos:
- Individual: 1º premio: 100 €; 2º premio: 75 €
- Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 200 €; 2º premio: 175 €
- Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 300 €; 2º premio: 225 €
Infantil – Individual:
- Individual: 1º premio: 100 €; 2º premio: 50 €
- Parellas (2 compoñentes): 1º premio: 150 €; 2º premio: 100 €
- Grupos (a partir de 5 compoñentes): 1º premio: 225 €; 2º premio: 150 €
Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro) onde estará situado o xurado, ás 17:00 horas do domingo 20 de abril.
A decisión do xurado e entrega de premios sobre os gañadores farase o día 20 de abril ás 19:00 h na praza de España.
Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico. Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.
Os aboamentos dos diferentes premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular e xustificación nos termos sinalados nestas bases.
Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.