O Alcalde pon en valor na Asemblea do Eixo Atlántico, celebrada en Viana do Castelo, o peso de Monforte e da provincia de Lugo

Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou onte luns 17 e hoxe martes 18 de febreiro nos diversos actos organizados arredor da Asemblea xeral ordinaria que o Eixo Atlántico celebrou na cidade portuguesa de Viana do Castelo, e o fixo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

No transcurso da xuntanza, José Tomé, reivindicou o peso da provincia no Eixo Atlántico tras a incorporación de Vilalba, aprobada este martes en dita Asemblea Xeral. Coa adhesión da capital chairega son cinco as entidades membro da provincia que formen parte deste organismo de cooperación transfronteiriza entre Galicia e norte de Portugal: os concellos de Monforte de Lemos, Sarria, Lugo e Vilalba e tamén a Deputación de Lugo.

“Xa somos a segunda provincia de Galicia, despois da Coruña, con máis peso específico no Eixo Atlántico, o que reflicte a implicación do noso territorio na construción dun espazo común en ámbitos tan relevantes como o desenvolvemento económico, o turismo, a mobilidade, a cultura ou a sustentabilidade”, valorou Tomé Roca. Un aumento de peso que cualificou de “importante” no que ten que ver co “reforzo da posición de Lugo dentro da Eurorrexión, facilitando o acceso a proxectos europeos, redes de colaboración e estratexias conxuntas que favorecen o crecemento e a competitividade do territorio”.

Á reunión asistiron alcaldes e representantes das 38 entidades galegas e portuguesas que conforman desde hoxe este organismo, tras a incorporación das vilas de Vilalba e de Betanzos, co obxectivo de facer balance do último ano, aprobar o programa para a anualidade 2025, que contará cun orzamento de 5,09M€ parte a mellorar a resiliencia das cidades e a sustentabilidade do territorio.

Na cita deron tamén luz verde a dúas novas liñas temáticas de traballo: buscar o posicionamento da economía circular tamén mediante unha estética diferente a través do movemento da Nova Bauhaus Europea e un cambio de hábitos e desenvolvemento social.

No que ten que ver co programa de actividades aprobado para o 2025, sinalaron na reunión que está marcado polo inicio da nova Comisión Europea, pola situación bélica de Ucraína e Gaza e tamén pola toma de posesión de Trump nos Estados Unidos. A proposta mantén os programas de éxito do Eixo Atlántico que implican un maior protagonismo e participación social por parte das entidades membro e ten previstas actividades no ámbito dos estudos e do coñecemento, da innovación social, da sustentabilidade urbana, da economía, da comunicación e da Unión Europea e Relacións Internacionais.

Na noite do luns, o Alcalde e a Tenente de Alcalde participaron na inauguración da VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico co espectáculo interdisciplinar "Mar Adentro", dirixido por Daniel Pereira Cristo e coa participación do artista galego Xabier Díaz.