Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou hoxe en rolda de prensa ante os medios de comunicación dunha “dunha actuación certamente significativa porque afecta a unha vía como é a LU-P-3201, máis coñecida como a Rúa ou Estrada de Sober.”
Esta vía forma parte da trama urbana e, ó mesmo tempo, comunica os Concellos de Monforte de Lemos e Sober. É unha travesía cuxa titularidade pertence á Deputación Provincial de Lugo, tendo o KM 0 no Paseo de Lugo e remata no núcleo de Sober.
O Alcalde destacou que “grazas á colaboración da Deputación de Lugo, levaremos a cabo a mellora de varios tramos cuxo pavimento presenta algunhas deficiencias que supoñen unha merma da comodidade e seguridade dos usuarios desta estrada”.
En concreto, os tramos que serán obxecto desta mellora serán os comprendidos entre os puntos quilométricos 0+814 ó 2+540. E tamén se inclúe neste arranxo un tramo da estrada vella de Monforte a Sober de 267 metros, no núcleo de Piñeira. O punto quilométrico 0,814 está situado á altura do edificio de Agora xunto á Capela de San Lázaro, e o punto quilométrico 2,540 está na parroquia de Piñeira, pasando Talleres Ignacio, antes do seu paso por debaixo da N-120.
Dende esta zona ata Sober tamén se repararán os baches que poida haber, realizando unha labor de conservación. E procederase ó repintado das sinais horizontais de toda esta travesía, dende a Capela de San Lázaro ata a súa chegada a Sober.
O tramo vello de 267 metros está tamén na parroquia de Piñeira, concretamente forma parte do trazado da estrada vella a Sober, e que actualmente da servizo a varias casas desta parroquia de Piñeira, sendo titularidade da Deputación de Lugo.
Polo tanto, a actuación estenderase ó longo de 1.726 metros, ós que hai que engadir os 267 metros do tramo vello, polo que en total, alcanzaranse practicamente os 2 quilómetros (1.993 m.) de actuación.
José Tomé puxo en valor que “o obxectivo prantexado dende o Concello de Monforte á Deputación Provincial é para mellorar e reforzar o firme existente, mellorando a súa capacidade estrutural e adecuándoo ás actuais cargas de tráfico, que son moito máis elevadas hoxe que no momento de construción do firme actual. Porque esta estrada, ademais de soportar o tráfico entre Monforte e Sober, é unha das vías de entrada da cidade, dende Sober e polos condutores provintes dese entorno, que rodean a cidade por Piñeira.”
Ademais, tamén precisou o Alcalde, que no seu tramo inicial urbano esta estrada soporta o tráfico que accede ó complexo polideportivo de A Pinguela, o IES A Pinguela, a Escola-Obradoiro municipal, ademais de todos os veciños e veciñas que viven nesta zona da cidade.
Este proxecto ten un orzamento de 294.190,37 euros que asume integramente a Deputación de Lugo. O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine a acta de replanteo, está previsto que sexa de 4 meses. Polo tanto, a previsión é que as obras se leven a cabo entre finais da primavera e comezos do verán.
Actuacións de mellora
tendo en conta o indicado polo Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo, que foron os que elaboraron o proxecto, en primeiro lugar, procederase á reapertura das cunetas existentes, eliminando a vexetación e a terra depositada ó longo do tempo, para recuperar a sección primitiva.
Ademais, limparanse e desatascarán manualmente as obras de drenaxe transversais, os pasos salvacunetas e calquera elemento de drenaxe existente e necesario para garantir a evacuación das augas. Concretamente, farase unha nova canaleta baixo o paso a nivel que se atopa deteriorada.
Na zona máis urbana, entre beirarrúas se fresará o firme existente para repoñelo posteriormente cunha nova mestura de firme bituminoso.
Tamén, se procederá a pavimentar con formigón alisado unha zona situada entre o núcleo e a última casa da marxe esquerda e pavimentarase a marxe dereita entre a zona de vivendas e un sendeiro. Para executar unha separación física entre a estrada e novo pavimento de formigón executarase unha rigola prefabricada de formigón. En toda esta lonxitude entubaranse as cunetas existentes.
“É dicir”, explicou o Alcalde, “haberá unha cuneta transitable para as persoas dende as actuais beirarrúas, e a baixada á ponte inferior do ferrocarril, mellorando tamén os estacionamentos diante do IES A Pinguela, e tamén do Obradoiro de Emprego”.
Co estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente dotaremos a este tramo da estrada de Sober dun novo pavimento con maior regularidade superficial aumentando tamén a súa capacidade estrutural.
Para elo, óptase polo emprego dunha mestura bituminosa densa, adecuada para o seu uso en capas de rodadura segundo a actual normativa de firmes, concretamente, unha AC16 surf D (anteriormente denominada D-12) que se estenderá de tal maneira que se obteña unha adecuada regularidade superficial cun espesor de 5 cm.
Finalizada a pavimentación, realizarase o pintado da vía mediante marcas viarias reflexivas brancas e cebreados, incluídas as paradas de autobús e pasos de peóns, dende a Capela de San Lázaro ata a entrada en Sober, é dicir, de toda esta travesía.
Á altura do IES A Pinguela, instalaranse bandas sonoras para diminuír a velocidade dos coches.
Tamén se repoñerá toda a sinalización vertical necesaria, xa que na actualidade algunha sinal atópase moi deteriorada.
José Tomé concluíu salientando que “trátase dunha inversión relevante porque vai supoñer a mellora dunha travesía, a de Monforte-Sober, que actualmente conta con moito tránsito de vehículos, dada a zona na que se ubica, que beneficia ós veciños da Pinguela e da rúa Sober, que é todo o fronte das instalacións deportivas. Deste xeito, toda esa zona, quedará renovada.”