Monforte de Lemos, 20 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a apertura do prazo para inscribirse na “XV Carreira Popular Concello de Monforte 2024” que se celebrará o domingo 27 de abril de 2025, e tal como anunciara hai uns días o rexedor monfortino.
Tratase da edición número 15 deste xa tradicional evento deportivo na cidade, e neste senso, o rexedor monfortino subliñou que “seguimos adiante coa organización do que é un dos eventos deportivos máis importantes do noso Concello, e para elo todas as persoas interesadas en inscribirse na 15ª edición desta carreira, xa o poden facer, de xeito totalmente gratuíto, a través da páxina web www.monforte10k.com ou da plataforma de inscricións www.ccnorte.com”.
O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido de 10 km para a carreira absoluta, completamente urbano e que transcorrerá polas rúas máis céntricas da cidade, así como percorridos para as carreiras de categorías menores de diferentes distancias en función da idade das persoas participantes.
Diferentes probas
O evento contará cunha carreira absoluta de 10.000 metros cun percorrido completamente urbano, e catro probas de menores, de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía ó carón dos Escolapios.
O percorrido da carreira absoluta será o seguinte: Saída da Praza da Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.
Trátase dun percorrido de 5 km. ó que os participantes terán que dar dúas voltas.
Todas as carreiras, incluídas as carreiras de categorías menores, contarán cun sistema de cronometraxe con chip, a excepción da carreira de categoría mini que non é competitiva.
Premios
Os premios que se establecen para os/as mellores atletas de cada categoría son os seguintes:
- Premios por categorías: trofeo conmemorativo do evento ós/ás tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías excepto na categoría mini na que todos/as os/as participantes que crucen a liña de meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambetadas.
- Premios clasificación xeral: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán trofeo.
- Premios económicos: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán premio económico segundo as seguintes cantidades:
- 1º clasificado: 300 €
- 1ª clasificada: 300 €
- 2º clasificado: 200 €
- 2ª clasificada: 200 €
- 3º clasificado: 100 €
- 3ª clasificada: 100 €
- Premios especiais da carreira absoluta: haberá premio especial de trofeo e agasallo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as locais (empadroados/as en Monforte).
- Premios por equipos: recibirán trofeo os tres mellores equipos clasificados na carreira absoluta. Estes equipos deberán ser obrigatoriamente mixtos (50% homes e 50% mulleres) e estarán compostos por un mínimo de 4 compoñentes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de 6 compoñentes (tres homes e tres mulleres).
Todos/as os/as participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ó finalizar a carreira así como un agasallo conmemorativo do evento.
Inscricións colectivas para colexios de Monforte
Os centros educativos de Monforte teñen a opción de realizar a inscrición colectiva ata o martes 15 de abril. Deste xeito o Concello entregará os dorsais dos alumnos participantes ó centro educativo con antelación.
Entrega de dorsais por adiantado
Para evitar masificacións o día da carreira, a entrega de dorsais dos/das atletas que se inscriban de xeito individual, realizarase por adiantado nos seguintes puntos de recollida:
- Oficina Municipal de Deportes (Casiñas da Compañía):
- Venres 25 de abril: de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
- Sábado 26 de abril: de 9:00 a 14:00 h.
- Puntos de recollida fora de Monforte: haberá puntos de recollida fora de Monforte e espallados polas catro provincias para facilitar a recollida do dorsal a todas as persoas participantes que non vivan en Monforte.
- Envío do dorsal a domicilio: Será necesario indicar o punto de recollida do dorsal durante o procedemento de inscrición.