O Concello de Monforte celebra mañá sábado o acto central arredor do 8 de marzo “Día internacional da Muller” no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2025. O Concello de Monforte celebrará mañá sábado 8 de marzo os actos centrais arredor do 8M Día internacional da Muller.

Tal e como anunciou onte a Concelleira de Muller e Igualdade en rolda de prensa, O acto central conmemorativo do “Día Internacional da Muller” terá lugar o sábado 8 de marzo ás 12:30 horas no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes, espazo no que se inaugurará un Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar, a cal nestes días está a rematar de pintar dito mural.

“Dende o Equipo de Goberno, con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López, quen describiu tamén en que consiste o mural.

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Nun dos laterais do mural poderase ler “Lavandeiras” e no  outro “do Río Cabe”, con letras que continúan a paisaxe e que se debuxan recortando a pintura e sen trazar.  Sobre a “ese” de “Lavandeiras” unha lavandeira paxaro observa a estas mulleres.

Tras a inauguración do mural adicado ás lavandeiras, procederase á Lectura do Manifesto, que correrá a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade. E tras el, repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe do Mural, en concreto, libretas e bolsas de tela.

Tanto o Mural como o material de sensibilización están financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2024.

Pola tarde, das 19:30 h. ás 00:00 horas, iluminarase de cor malva a Torre da Homenaxe, co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

 

Xoana Almar, autora do mural homenaxe ás lavandeiras

A autora do mural, Xoana Almar, é unha artista nada en 1983 en Santiago de Compostela. Licenciada en Economía pola USC, licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Granada e conta cun Ciclo Superior de Ilustración da Escola de Arte de Granada.

No 2013 creou xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta a empresa cooperativa Cestola, onde se adican á pintura, a ilustración e o muralismo, pintando sobre todo murais en festivais, para Administracións Públicas, empresas, asociacións e particulares, contando actualmente con máis de 100 murais realizados. A maioría deles son realizados en cidades, pobos e aldeas galegas, pero tamén traballaron en Madrid, Valencia, Estremadura, Aragón, Asturias, Andalucía e Euskadi, e en países como Portugal, Alemaña e Francia.