Monforte de Lemos, 3 de xaneiro de 2024. O Concello de Monforte de Lemos,dentro da súa programación do Nadal 2023-24, programa ó humorista e contador de historias Xan Veiga, co seu espectáculo "Sonchistorias".
A actividade terá lugar este xoves 4 de xaneiro ás 20 h na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, con entrada gratuíta.
Chega así a Monforte o novo espectáculo do humorista Xan Veiga, un show que foi estreado en setembro no FIOT de Carballo e que está de xira por Galicia este ano.
Baixo o título Sonchistorias o humorista de Arzúa fai unha autohomenaxe a 30 anos de traxectoria enriba dos escenarios contando chistes e historias con humor inxenuo e moita retranca.
Con humor “do noso” e unha perspectiva única, Xan mergúllase nun mar de situacións incribles, dende desventuras absurdas ata malentendidos hilarantes ou encontros inesperados.
Historias milenarias esfiañadas que son retecidas coas agullas do humor e que se mesturan con chistes contados a modo de historias, levando á audiencia de paseo por unha corredoira chea de xiros e reviravoltas divertidas onde o real e o imaxinario únense de tal xeito que son difíciles de diferenciar.
Xan Veiga é humorista, monologuista, conta chistes, conta contos, ventrílocuo, actor, presentador... e non necesariamente nesa orde.
Participou en concursos de televisión tanto a nivel nacional (“No te rías que es peor” en TVE) como a nivel autonómico (“Supermartes”) e deuse a coñecer pola súa faceta de conta chistes no programa en directo máis antigo da televisión española (“Luar”). Neste último foi colaborador durante sete anos.
Fixo de co-presentador no programa autonómico “Contando Estrelas”, foi un dos escollidos para a elaboración da cabeceira do programa “Buscando Estrelas”, oficia vodas de xeito informal e humorístico e exerce como presentador sempre que lle reclaman os seus servizos. Na súa Arzúa natal presenta dende hai uns anos o coñecido Concurso de Disfraces que se fai en datas previas ao entroido.
Como contador de historias e de chistes leva 30 anos enriba dos escenarios percorrendo a xeografía galega.