Monforte de Lemos, 6 de abril de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, participou na tarde de 0nte venres 5 de abril, en representación do Concello, na reunión informativa que a ONG Sogaps organizou no Centro Cívico para colaborar na acollida de nenos e nenas procedentes de campamentos de refuxiados saharauis este verán.
Os responsables da ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), explicaron en que consiste o programa Vacacións en Paz, que permite traer nenos que viven o resto do ano nos campamentos de refuxiados no deserto situados na rexión de Tinduf, en Alxeria.
O obxectivo, é que estes nenos e nenas pasen os meses estivais, concretamente xullo e agosto en casas das familias galegas que participen nesta iniciativa, e nomeadamente tamén familias monfortinas. Neste senso, o obxectivo que se marca Sogaps para esta campaña é reforzar o programa con máis familias acolledoras, especialmente en Monforte e no resto da metade sur da provincia de Lugo.
A charla foi impartida pola presidenta de Sogaps, Maite Isla, que ofreceu información e resolveu as dúbidas que se prantexaron en relación con todo o que conleva participar no programa de acollida.