Monforte de Lemos, 25 de abril de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, asistiu onte en Chantada á Asemblea xeral ordinaria da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago baixo a presidencia de Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín de Valdeorras. Ademais do Concello de Monforte, asistiron a práctica totalidade dos concellos asociados.
A Asemblea aprobou o informe de xestión e o balance de ingresos e gastos correspondente ó exercicio 2023 e comezou os traballos da posta en marcha do Plan de dinamización que contén catro retos estratéxicos: a atención ao peregrino, a visibilidade do Camiño, o aumento de alianzas e colaboracións, así como potenciar o desenvolvemento turístico do territorio.
Deste xeito, deuse xa comezo ós traballos, dentro de cada liña de acción, marcando e priorizando cada un dos obxectivos e actuacións para 2024, detallados dentro do Plan de dinamización, en coordinación coa asistencia técnica.
A tenente de Alcalde valorou positivamente a xuntanza, así como os acordos adoptados, que redundarán na mellora dos servizos que a asociación e os concellos proporcionan ós usuarios e peregrinos do Camiño de Inverno a Santiago.