Monforte de Lemos, 18 de marzo de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, inaugurou na mañá de hoxe o acto de promoción da cultura financeira celebrado no IES Río Cabe e organizado polos responsables do Plan de Educación Financeira, e promovido pola Comisión Nacional del Mercado de Valores, o Banco de España e o Ministerio de Economía, Comercio y Empresa, entidades que contaron con representación neste acto.
A Tenente de Alcalde, na súa intervención, desculpou a ausencia do Alcalde, José Tomé Roca, debido a que acudiu como Alcalde e como Presidente da Deputación de Lugo, ó acto de constitución do Parlamento de Galicia en Santiago.
Gloria Prada felicitou ó profesorado e ó alumnado deste instituto monfortino pois resultaron ser gañadores do “Concurso Nacional de Conocimientos Financieros 2023”, organizado polas entidades antes mencionadas, e que como premio, entre outros aspectos incluíu a celebración do obradoiro sobre cultura financeira celebrado hoxe, e no que a Tenente de Alcalde representou ó Concello monfortino.
Neste senso, Gloria Prada desexou ó alumnado que “a través deste obradoiro poidades adquirir os coñecementos, comportamentos e actitudes necesarios que vos permitan tomar decisións financeiras adecuadas ao longo da vosa vida. Trátase de que poidades ter as ferramentas e as claves necesarias para poder desenvolver hábitos financeiros saudables.”
O obradoiro dará a coñecer ó alumnado, tanto as oportunidades como os riscos dos produtos financeiros que se poden atopar no mercado, ao que tan fácil é acceder hoxe en día a través de internet. Aspectos como a planificación das finanzas persoais, o consumo responsable, o risco de sobreendebedamento ao utilizar tarxetas de crédito ou a prevención da fraude.
“En definitiva, o que queremos as diferentes administracións públicas a través de obradoiros como este, é concienciarvos sobre a importancia de saber xestionar adecuadamente as vosas finanzas persoais, é dicir, o voso diñeiro”, subliñou a Tenente de Alcalde.
O Plan de Educación Financeira ten como principal obxectivo mellorar a cultura financeira dos cidadáns e, para iso, tanto as entidades promotoras como os colaboradores do Plan desenvolven diversas actividades, algunhas dirixidas á poboación en xeral e outras dirixidas a colectivos específicos (persoas maiores, persoas vulnerables, estudantes en etapa escolar ou universitaria, etc.). Todo isto co obxectivo de que adquiran coñecementos, comportamentos e actitudes que lles permitan tomar decisións financeiras axeitadas ao longo da súa vida, así como desenvolver hábitos financeiros saudables e coñecer as oportunidades e riscos dos produtos financeiros.
O obradoiro celebrado hoxe no IES Río Cabe enmárcase na celebración da duodécima edición da Global Money Week, evento organizado pola OCDE para promover a educación financeira entre a mocidade, e está dirixido ao alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.