A Tenente de Alcalde participa, en representación do Alcalde, na Asemblea da Red de Juderías celebrada en Plasencia

Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde, José Tomé Roca, participou os pasados 26 e o 27 de xuño nos actos organizados pola Red de Juderías de España en Plasencia, con motivo da súa 65ª Asemblea Xeral. O Parador de Turismo de Plasencia, cidade que ostenta a Presidencia da Rede de Xuderías en 2024, foi o lugar escollido para a celebración desta Asemblea, presidida polo Alcalde da cidade, Fernando Pizarro.

As cidades participantes, ademais da anfitrioa Plasencia, foron Monforte de Lemos, Barcelona, Béjar, Cáceres Córdoba, Hervás, Lorca, Lucena, , Ribadavia, Sagunto, Tudela e Tui, que estiveron representadas por alcaldes e concelleiros, así como por técnicos dos seus concellos.

Gloria Prada valorou moi positivamente este encontro “debido ós importantes acordos adoptados, no que debemos destacar a sinatura dun convenio de colaboración entre as redes de Juderías de España e Portugal, así como a apertura en outubro de 2024 do proceso de admisión de novas cidades na nosa Rede”.

 

Sinatura dun histórico acordo de colaboración entre España e Portugal

Cabe destacar que os actos da Asemblea iniciáronse o 26 de xuño coa firma do convenio marco entre as Redes de Xuderías de España e Portugal, un histórico acordo de colaboración que estreitará vínculos culturais e emocionais en torno ó patrimonio común da súa herdanza xudía.

Este histórico acordo, que foi asinado o mércores 26 de xuño, servirá para poñer en valor o patrimonio común da pegada xudía e xudeuconversa en España e Portugal.

Esta ambiciosa iniciativa nace para impulsar e estreitar os vínculos culturais e emocionais existentes entre ambos os países grazas á herdanza histórica conxunta en Sefarad, e cuxa separación en dúas nacións nunca serviu para distinguir á poboación xudía dun lado e outro da fronteira. 

O convenio de colaboración, dunha duración de 4 anos prorrogables, contempla o compromiso de ambas as institucións de celebrar unha reunión institucional de, polo menos, periodicidade anual. Estes encontros servirán para desenvolver un programa de actividades comúns coas que promover un maior coñecemento do patrimonio xudeu das cidades integrantes de ambas as redes, tanto en ámbitos institucionais europeos e internacionais como, particularmente, en contextos onde existan comunidades xudías interesadas en conectar coas súas orixes sefardíes. Así como promocionar o patrimonio e o atractivo turístico de cada cidade membro.

Inicialmente, este acordo busca impulsar iniciativas conxuntas de promoción, así como a participación en feiras internacionais e outras actividades culturais que axuden a mostrar un maior coñecemento da cultura xudía tradicional, histórica e presente na península ibérica.

Como parte do obxectivo de cooperación territorial europea para desenvolver de forma conxunta o potencial dos territorios transfronteirizos, o acordo entre ambas as institucións contemplará a concorrencia, a través de candidaturas conxuntas, a concursos destinados a proxectos culturais, turísticos e de desenvolvemento e promoción económica.

 

65ª Asemblea Xeral da Red de Juderías en Plasencia

Durante a Asemblea, celebrada no día de onte 27 de xuño, abordáronse diversos temas de interese para o futuro da Rede, como o Procedemento de Admisión de Novas Cidades, o Proxecto de Lugares Sefardíes, unha iniciativa que recoñecerá elementos patrimoniais e lugares de interese que sen pertencer ás cidades da Rede enriquecerán a proposta turística e poñerán en valor o legado sefardí, ou a presentación da iniciativa "30 anos da Rede de Xuderías de España en 10 proxectos".

Con respecto ás novas incorporacións, aprobouse por unanimidade a apertura en outubro de 2024 do proceso de admisión de novas cidades, destacándose que deberán ter prioridade de admisión as cidades que no seu día abandonaron a Rede e despois, as cidades que soliciten pertencer a ela.

Tamén se detallou o proceso de solicitude, que inclúe a presentación de documentación específica e a emisión dun informe técnico que avalía as distintas candidaturas para manter o rigor que acompañou sempre á Rede.