Monforte de Lemos, 10 de abril de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, participou na mañá de hoxe na rolda de prensa, celebrada no Parador de Turismo, na que se deron a coñecer os detalles do XIX Campionato de España masculino de Pitch & Putt 2024, que se celebrará nas instalacións do Club Río Cabe de Monforte, os vindeiros 11 e 12 de maio.
Na presentación, a Tenente de Alcalde, que desculpou a ausencia do Alcalde na rolda, José Tomé, por problemas de axenda, estivo acompañada polo presidente do Club Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones, e pola súa xerente, María Eugenia Graña Rosales.
Gloria Prada resaltou como “excelente noticia” a concesión por parte da Federación Española de Golf deste importante campionato a Monforte, motivo polo que agradeceu dita concesión á Federación, e agradeceu o traballo desenvolto polo Club nas xestións que fixeron posible a chegada deste campionato estatal á cidade do Cabe.
A previsión é que a cidade reciba a presencia de 108 xogadores provintes de toda España, que virán acompañados por familiares e amigos, polo que Prada destaca que o campionato “xerará un importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración e será tamén unha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico da nosa zona, polo que sen dúbida, será un bo reclamo promocional para todo o sur da nosa provincia”.
A Tenente de Alcalde, transmitiu os seus desexos de éxito para o Campionato, “porque será tamén o éxito de nosa cidade e da Ribeira Sacra, e si pode ser, que o gañe un monfortino”.
Do mesmo xeito, a Tenente de Alcalde, rematou a súa intervención manifestando o apoio tanto do Concello de Monforte como da Deputación de Lugo coa actividade do Club Río Cabe, que se mantén ano a ano.
Ademais, o Concello ten contratado con Club Río Cabe o desenvolvemento dunha Escola Deportiva Municipal de Golf dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos, e que se desenvolve as mañás dos sábados dende outubro a maio. Actualmente, esta escola conta con 3 grupos anotados.
XIX Campionato de España masculino de Pitch & Putt 2024 en Monforte
O campo da Sociedade Deportiva Río Cabe foi elixido pola Real Federación Española de Golf como sede do Campionato de España Masculino de Pitch & Putt 2024, que se celebrará no campo monfortino os días 11 e 12 de maio.
É unha gran noticia para Monforte o poder albergar a máxima competición nacional deste deporte, xa que durante esa semana a cidade acollerá ós 108 xogadores participantes, ós seus acompañantes e ós afeccionados que se despracen á cidade do Cabe para presenciar a competición.
O venres día 10 será a xornada de adestramento oficial. O sábado 11 diputaranse dúas roldas de 18 ocos (“hoyos”) e na xornada do domingo unha rolda máis que decidirá quen será o Campión de España deste ano.
O campo de golf da Sociedade Deportiva Río Cabe atópase situado en Ribas Altas, en Monforte de Lemos. Este campo Pitch and Putt é practicamente plano, moi nobre de xogar.
Ten árbores próximas ás rúas dos ocos e lagos en lugares estratéxicos para dificultar o xogo. Os bunkers non son complicados e os greens son en xeral amplos e con caídas.
O campo está situado sobre un meandro do río Cabe. Os 18 ocos (hoyos) do percorrido enmárcanse nunha paraxe natural de flora e fauna autóctona.
A súa situación nos arredores de Monforte de Lemos, confírelle unha localización privilexiada: a súa situación xeográfica central en relación coa Ribeira Sacra convérteo en punto de referencia para actividades deportivas, turísticas e de lecer tanto de visitantes como da poboación propia e dos arredores.