O ciclo de teatro de 2024 do Concello de Monforte continúa este xoves con "Iphixenia na porta do súper", de Compañía Humana

Monforte de Lemos, 18 de marzo de 2024. Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves 21 de marzo ás 20:15 no Edificio Multiusos a posta en escena da obra para adultos Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana, obra escrita por Gary Owen, dirixida por Sara Rey e interpretada por Alba Caneda.

O prezo da entrada xeral para esta obra é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.

 

Sinopse

Iphixenia na porta do súper é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión premiada como mellor texto do 2015 nos UK Theatre Awards for Best New Play.

Estreada xa en varios países cun éxito rotundo, a súa adaptación ó español consagrou á actriz María Hervás conseguindo o premio Max á Mejor Actriz Protagonista, Mejor Espectáculo Revelación e Mejor Versión Teatral.

Agora chega por primeira vez a Galicia e en galego este emocionante e necesario monólogo que fala das consecuencias dos recortes sociais a través da vida da súa protagonista de clase baixa. Unha personalidade magnética, directa, que nos amosa sen filtros e con humor a humanidade que se esconde tralas colas na atención primaria, recorte de camas hospitalarias, ausencia de médicos...

Unha historia de sacrificio, dignidade e esperanza.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Soño dos vagalumes do grupo Teatro Universitario Universidade Laboral de Ourense que terá lugar o xoves 11 de abril no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo a entrada gratuíta.