Teatro este domingo 13 en Monforte con Kyoki, da compañía Elefante Elegante, para público infantil e familiar

Monforte de Lemos, 11 de outubro de 2024. O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024, cunha nova actuación este domingo 13 de outubro no Edificio Multiusos a partir das 18:00 horas.

Dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, terá lugar a posta en escena da obra para público infantil e familiar (a partir de 3 anos), Kyoki, da compañía Elefante Elegante, obra composta por María Torres e Gonçalo Guerreiro, dirixida por Gonçalo Guerreiro e coa interpretación de María Torres e Mario Rodríguez.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

A través dunha linguaxe xestual impulsada pola interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo evoca múltiples situacións e personaxes que dun xeito ou doutro todas as persoas podemos recoñecer.

Kyoki significa “demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita verificarse en persoas de idade avanzada, mais: quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? ou por distracción vestiu o xersei do revés? ou saíu de casa atrasado para o cole sen peitear o cabelo?.

Kyoki retrata un deses días catastróficos, máis é tamén unha homenaxe a todas as persoas maiores que asisten cada día ó proceso implacable do declinio das súas capacidades vitais.

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, para público adulto, será O dragón de ouro, da compañía Sarabela Teatro, que terá lugar o xoves 17 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.