Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2024. O Concello de Monforte, dende a Concellaría de Muller e Igualdade, e a través do Centro de Información á Muller, rematou onte as actividades que forman parte da programación ideada para conmemorar o 8 de Marzo “Día Internacional da Muller, celebrando as últimas sesións dos obradoiros dirixidos aos centros de ensino de secundaria.
Así, nestes días desenvolveuse o obradoiro “Hakeando ao machismo”, actividade que foi dirixida ó alumnado de 3º da ESO. A actividade desenvolveuse os días 11 e 12 de marzo nos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, e nos institutos de A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey.
Neste obradoiro, explicóuselle ao alumnado os conceptos fundamentais da teoría feminista asentados na realidade das redes sociais tan presente nas súas vidas. Ao mesmo tempo procurouse interpelar ao alumnado e motivalo a ter unha conciencia crítica, aprendendo a ver como o machismo de xeito sutil impregna e afecta de forma negativa ás nosas vidas, procurando fomentar posturas críticas fronte a elo, proporcionando referentes novos e animando a crear contidos que dean conta de realidades máis plurais, diversas e igualitarias.
As encargadas de levar a cabo a actuación foron Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade e diversidade con alumando de todos os niveis educativos, profesorado, familias e entidades e coautora dos libros “Comando Igualdade: a mocidade facendo a revolución feminista nas aulas” e “La revolución feminista nas aulas”; e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.
As dúas formadoras empregaron unha metodoloxía participativa e vivencial, centrándose nos coñecementos e intereses do alumnado, posibilitando a reflexión, a expresión dos seus sentimentos, opinións, experiencias e coñecementos relacionados coa materia.
Esta actividade foi financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.