Monforte de Lemos, 4 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na mañá de hoxe martes, procedeuse dende o Concello a acometer os traballos de limpeza da Ponte Vella, tal e como se ven a facer nestes últimos anos.
Os traballos foron levados a cabo pola Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello, e consisten na limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses na Ponte Medieval.
En concreto, as tarefas supuñen o corte da maleza e limpeza das herbas, co obxectivo de resaltar a beleza do monumento.
Para a realización destes traballos, foi necesario empregar un guindastre. Por este motivo, a Policía Local cortou o tráfico de vehículos e peóns sobre a Ponte mentres duren os mencionados traballos de limpeza.
O Alcalde salienta que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato no ano 2015. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.