O XXIII Festival de Habaneras Concello de Monforte de Lemos celebrarase este sábado 7 de setembro no Auditorio do Multiusos, debido ás inclemencias meteorolóxicas

Monforte de Lemos, 4 de setembro de 2024. O Concello de Monforte, dentro do programa do Verán Cultural, celebra o Festival de Habaneras Concello de Monforte de Lemos, que este ano alcanza a súa 23ª edición.

Así, finalmente será o Auditorio do Edificio Multiusos, e non a Praza de España, debido ás inclemencias meteorolóxicas, onde este sábado 7 de setembro ás 21:00 horas terá lugar a celebración dunha das citas clásica do verán musical monfortino, o Festival de Habaneras, que está organizado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do Plan Deputación 2024 de Cooperación cos Concellos.

O Festival de Habaneras alcanza as 23 edicións avalado polo éxito de público das citas de anos anteriores e, fundamentalmente, pola calidade dos grupos que participan en cada un dos certames.

O cartel deste ano está conformado por dúas corais de contrastado prestixio, as que se une a Coral Polifónica do Concello de Monforte: a Coral Polifónica Albricias de Maceda (Ourense) e o Coro de Voces Graves Los Templarios de Castro Urdiales (Cantabria).

 

A Coral Polifónica Albricias nace en Maceda no verán de 1986, cando un grupo de veciños desexan realzalos actos celebrados na honra da súa Patroa a Virxe das Neves.

Dende a primeira canción que preparan toma o nome de “Albricias”; a partir dese momento, son innumerables os temas que interpretan de tipo popular, clásico, medieval, relixioso, etc...

No primeiro ano da súa andaina, ofrece en Maceda un concerto de Reis que se transforma nunha tradición da vila, xunto cos Concertos de Primavera, San Pedro, patrón da Vila, e a Festa en honor a Nosa Señora das Neves, misa do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela, Misa dominical na Igrexa San Martiño Pinario. Organiza na súa vila tres concertos anuais en colaboración co Concello de Maceda e con prestixiosas corais de fora e dentro da provincia, en Ourense; ofrece distintos concertos no Teatro Principal, participando no Festival de corais que organiza a Deputación Provincial de Ourense.

Participa en numerosos encontros polifónicos celebrados a nivel provincial. Son protagonistas dun emocionante Concerto e Misa no País Vasco con motivo do “Dia das Letras Galegas”. Interpretan a música das Misas retransmitidas por T.V.G. dende Santiago de Compostela e tamén participou nun programa realizado en Maceda “Dende Galicia para O Mundo”; e T.V.E dende o Santuario dos Milagros. Participa en moitos  actos festivos, relixiosos e conmemorativos que teñen lugar en Maceda a súa comarca e diferentes localidades da provincia.

No ano 1996 grava o seu primeiro CD de música popular galega que leva por título “Morriña”.

Neste último período, concretamente nos dous anos anteriores amplía o seu repertorio de cara a época medieval; A Vila de Maceda celebra a Festa Medieval e Gastronómica do Leitón no entorno do Castelo e por este motivo especialmente, a Coral ofrece a súa participación nun concerto de música medieval.

Participa no Festival de Panxoliñas no Auditorio Provincial de Ourense e no Teatro García Barbón de Vigo.

Realiza unha misa con motivo das festas Patronais na honra a “San Benito” no concello de Allariz, e a continuación un concerto na casa da Cultura da mesma localidade.

Participa no VI Certame Internacional de Rondallas e Corais Celebrado nas Festas do Santiago Apóstolo na Ponte (Ourense), na que foi a coral gañadora do 1º Premio absoluto.

Participa no XIII Festival Internacional de Canto Coral en París, facendo unha xira de concertos e rematando nunha gala no palacio da UNESCO participando con varias corais de Europa. Viaxa a Terras da Feira en O Porto (Portugal), para participar no 43 Certame Internacional de Corais, onde realiza unha serie de concertos de fin de semana, participando con Corais prestixiosas de Portugal, onde fan un intercambio cultural moi importante.

O seu repertorio actualizado consta de cancións para calquera tipo de concerto, celebración particular ou pública, misas en castelán e galego, comuñóns e vodas relixiosas ou civís, etc. Dito repertorio vaise renovando e actualizando o longo do ano. 

Na actualidade Tito González,  pretende ampliar a súa faceta artística e desenvolver os seus coñecementos musicais no eido coral. Afronta este novo reto con grande ilusión e pretende situar a esta coral macedana composta por 28 membros na actualidade, en lugares destacados do panorama musical da nosa comunidade.

 

O Coro de Voces Graves Os Templarios nace como asociación cultural de Voces Graves en 1989 en Castro Urdiales (Cantabria), para conservar e difundir o repertorio de obras compostas para voces masculinas e manter a vocación coral tan arraigada da súa contorna. A orixe dos Templarios como grupo coral xorde, con todo no ano 1973, sendo o coro actual herdeiro dun dos ochotes máis coñecidos e premiados do norte da península: o “Ochote Los Templarios.” Cumpriron pois, o pasado ano 2o23, o seu 50 aniversario.

En 1989 e baixo a dirección de Jesús María Pedra, comeza a fase como Coro de Voces Graves Los Templarios, nome que toma do antigo castelo, atribuído á orde dos Templarios situado na súa localidade. En 1996, Cristina Arroyo toma a dirección e a partir do ano 2000, Izaskun Franco. Os Templarios participaron en innumerables xornadas, festivais, aparicións en radio e televisión, concursos e diversas colaboracións. Gravou dous CD’s. Un primeiro disco "Homenaxe a Paco Labiano" e un novo CD con obras polifónicas e sacras de actualizado repertorio e acompañamento de piano.

No seu compromiso por difundir a música coral organiza na igrexa de Sta. María cada mes de novembro o Ciclo "Outono Musical"  que en 2024 cumprirá a súa XXXVIII edición. A lista de agrupacións corais tanto nacionais como internacionais que participaron ao longo das súas edicións é extensa e de recoñecida calidade artística.

A solidariedade, apoio e achega aos máis necesitados e desfavorecidos tamén ten espazo no labor social do coro, contribuíndo con diversas organizacións e ofrecendo un concerto benéfico no mes de xullo co que Os Templarios pecha a súa programación de tempada, cuxa recadación íntegra vai destinada a favor dunha causa solidaria.

En xullo de 2015 faise cargo da dirección musical José Luis Sáez, herdeiro dunha saga de músicos castreños, tras o seu avó Bruno, compoñente do famoso Ochote Santa Ana, e o seu pai Ángel, compoñente do Ochote Los Templarios nos anos oitenta.  José Luis foi director da Coral Santa María de Castro e da Coral Oihartzuna de Muskiz. Na Semana Coral de Portugalete, organizada pola Coral Lora Barri, José Luis Sáez obtivo o galardón de mellor director do evento. José Luis Sáez é, ademais, organista de Santa María da Asunción de Castro Urdiales.  Esta pode considerarse como unha proba máis de que Castro Urdiales é unha auténtica canteira de músicos e coralistas con anos de antigüidade e que hoxe en día continúa a través das innumerables agrupacións corais.

 

A Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos: Fúndase en marzo de 1996 e está composta por 45 voces mixtas. O seu repertorio inclúe música sacra, popular galega, habaneras, polifonía en castelán, panxoliñas…Ten no seu haber numerosas actuacións a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional.

Na nosa comunidade a coral polifónica de Monforte actuou en Ribadeo, Cee, Marín, Ourense, Pontedeume, O Grove, Mondoñedo, Lugo, Vigo, Pontevedra, etc...Así como en distintas partes do Estado como en León, Zamora e en varias localidades Asturianas como Cudillero, Villaviciosa, Mieres, La Felguera, etc..

Destacan a nivel internacional actuacións en Martigni (Suiza), Rennes (Francia), Cerdeña, Bolzano e Padua (Italia), Gotha (Alemaña), Helsibor (Suecia), Oporto e Guimaraes (Portugal).

No ano 1999 gravou un CD de polifonía variada.

A dirección da coral corre a cargo de Fernando Sanmartino Pérez. Formouse musicalmente nos conservatorios de Ourense, A Coruña e Santiago. Foi director da Coral de Samos. Na actualidade compaxina a dirección da Coral coa de director do Conservatorio Municipal “Mestre Ibáñez” de Monforte de Lemos.

 

Programa do XXIII Festival de Habaneras de Monforte.

Coral Polifónica Albricias de Maceda

  1. Una Lágrima: F-A Rey Rivero
  2. Casiñas Brancas: Habanera Popular
  3. En el fondo del mar: Habanera Popular
  4. Meu amor e mariñeiro: M. Xosé L. Rivas
  5. Anduriña: arranxo Angel Viro

 

Coro de Voces Graves Los Templarios de Castro Urdiales

  1. Feliz rincón: Nicolás Torre
  2. El menú: Miguel Arregui, Karl Zollnër
  3. Boga boga: Jesús Guridi
  4. Con aire: Lucio Lázaro
  5. Viento del norte: Hermanos Agüero

 

Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos

  1. Paloma Mensajera: José Ruiz Gasch                            
  2. Bésame Mucho: Consuelo Velázquez, arranxo José Blasco                            
  3. Amalia Rosa: Celestino Carrasco, arranxo Fernando Menéndez Viejo
  4. Torrevieja de mis amores: Manuel Díaz Cano
  5. Habanera “Don Gil de Alcalá”: Manuel Penella