Monforte de Lemos, 31 de maio de 2024. O Concello de Monforte conmemorou hoxe venres 31 de maio o Día Mundial sen Tabaco, coa organización de diversas actividades, en coordinación coa Unidade Asistencial de Drogodependencias.
Para elo, o Concello instalou pola mañá na Praza de España unha mesa informativa, en colaboración coa AECC, para ofrecer á cidadanía folletos e guías sobre o risco para a saúde e as prestacións económicas, ademais de dous servizos, que se poden conseguir mediante o abandono ou o consumo.
Ás 12:00 h., a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, inaugurou na Casa da Cultura, no nome do Alcalde, José Tomé Roca, quen non puido acudir por motivos de axenda como presidente da Deputación, unha exposición con traballos realizados por usuarios de Centros de Día e Asociacións de toda a zona e en relación coa temática abordada.
No acto estivo acompañada polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada. Tamén nese acto, e previamente á inauguración a Concelleira recordou a importancia de concienciar á cidadanía dos riscos que esta droga conleva para a saúde, especialmente para os máis xóvenes. E agradeceu tanto a participación das asociacións que fixeron posible esta exposición así como da UAD de Monforte.
Neste espazo tamén se ubicou un fotocall para que as persoas que o desexen poidan facerse unha foto e subila ás redes, e así colaborar na campaña permanente de loita contra o tabaquismo, que estará ubicado, xunto coa exposición, ata o 15 de xuño.
Finalmente, pola noite, a Torre da Homenaxe de San Vicente iluminarase de cor vermella, para conmemorar este día Mundial sen Tabaco.
Día Mundial sen Tabaco 2024
O Día Mundial Sen Tabaco celébrase en todo o mundo o 31 de maio de cada ano. Esta celebración anual ten por obxectivo informar ao público sobre os perigos do consumo de tabaco. O lema proposto para este ano é “Protexa aos nenos da interferencia da industria do tabaco”.
O Día Mundial Sen Tabaco 2024 ofrece así unha plataforma para a mocidade de todo o mundo, que esixe que a industria do tabaco deixe de apuntar a este colectivo con produtos que son prexudiciais para a súa saúde.
Hai 1.300 millóns de consumidores de tabaco en todo o mundo. O tabaco mata ao redor de 8 millóns de persoas cada ano (máis de 7 millóns de fumadores activos e máis de 1 millón de fumadores pasivos). A esperanza de vida dos fumadores é polo menos 10 anos menor que a dos non fumadores.
O consumo de tabaco é a principal causa de morte evitable en todo o mundo e actualmente é responsable da morte dun de cada 10 adultos no mundo.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanza a campaña "Basta de mentiras" como unha iniciativa vital para protexer aos mozos da industria do tabaco e dos seus produtos mortais, pedindo o fin da interferencia da industria do tabaco nas políticas de saúde.
A campaña deste ano incide especialmente na necesidade de tomar medidas de control urxente dos cigarros electrónicos para protexer aos nenos e non fumadores e reducir na medida do posible os efectos destes produtos na saúde humana. Non só se demostrou que os cigarros electrónicos non axudan a deixar de fumar a nivel poboacional, senón que hai evidencias alarmantes do seu dano á saúde.
Os cigarros electrónicos con nicotina son prexudiciais para a saúde e son moi adictivos. Aínda que non se coñecen completamente os seus efectos sobre a saúde a longo prazo, demostrouse que liberan substancias tóxicas que son canceríxenas ou aumentan o risco de trastornos cardíacos e pulmonares. Ademais, poden afectar o desenvolvemento cerebral e causar trastornos de aprendizaxe nos mozos.
O uso de cigarros electrónicos é maior entre os nenos de 13 a 15 anos que entre os adultos de todas as rexións da OMS.