Monforte de Lemos, 13 de xaneiro de 2024. O Alcalde, José Tomé Roca, informa que o Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, ven de pechar a programación de teatro da Rede Galega de Teatros e Auditorios-AGADIC-Galescena para o primeiro semestre do ano 2024. As representacións teatrais desenvolveranse dende o 25 de xaneiro ó 12 de maio.
A carteleira está conformada por un total de 7 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto. Tamén se ten en conta o público infantil que terá a súa propia oferta cultural, cunha obra programada en maio.
O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.
Funcións do 25 de xaneiro ó 12 de maio
A programación iniciarase o xoves 25 de xaneiro coa obra O auto de Castromil, espectáculo para público adulto, a cargo do grupo Producións Teatrais Excéntricas.
No mes de febreiro, xoves día 22, a compañía Contraproducións traerá a escena a peza Entrega en man, tamén para público adulto.
Artyc Content representará Que din as rumorosas o xoves 7 de marzo, tamén para público adulto.
Compañía Humana, actuará o 21 de marzo para pór en escena Iphixenia na porta do súper.
O grupo de teatro da Universidade Laboral de Ourense, fora do ciclo da Rede de Teatros e Auditorios programa unha representación teatral para adultos o xoves 11 de abril no Edificio Multiusos ás 20:15h, con entrada de balde, baixo o título de Soño dos vagalumes.
O xoves 25 de abril, a compañía Volta e Dalle Teatro teatro pechará o ciclo de representación para adultos do primeiro semestre do ano, coa obra Falar por falar.
O Concello non se esquece do público infantil, que terá o 12 de maio unha representación específica para eles, titulada Palabras a cargo da compañía Baobab Teatro.
Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20:15 h agás a representación do 12 de maio para público infantil que terá lugar ás 18:00 h. A entrada xeral será dun importe de 5 € pero tamén haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados a un importe de 3 €.
A Concellería de Cultura incidiu no compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para tódolos públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2024.