Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2024. O Concello de Monforte acollerá este vindeiro xoves 12 de setembro ás 8 e media da tarde (20:30h) unha actividade de cine na rúa, organizada polo Equipo de Goberno monfortino, logo de que ó Concello lla solicitara ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da cal é membro.
A actividade é posible logo de que na última asemblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello monfortino solicitara, a través da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, este tipo de actividades, dirixidas ós veciños e veciñas da cidade.
Deste xeito, no espazo do Cuadrado, no Parque dos Condes, ubicarase unha pantalla na que se proxectarán catro curtametraxes vencelladas a proxectos de cooperación internacional que se desenvolven en Guatemala, baixo o título de “Cine na rúa: Cine e Cooperación. Unha ventá ao mundo”.
A través destas pezas audiovisuais, abordaranse diversas temáticas de gran relevancia, como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á auga e o dereito á educación. Todas estas cuestións estarán relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Obxectivo e contexto da actividade
Explica Gloria Prada que “o obxectivo principal desta actividade é poñer en valor a Cooperación Internacional que levan a cabo as entidades galegas, grazas ao apoio de concellos como o de Monforte de Lemos, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”.
“Neste senso”, salienta a Tenente de Alcalde, “buscamos concienciar á veciñanza en xeral, e ós xóvenes en particular, sobre as distintas problemáticas que se dan en países como Guatemala, así como as accións de axuda e cooperación desenvoltas por organismos como o Fondo Galego”.
A intención é amosar como esta cooperación se fundamenta no acompañamento ás organizacións e entidades contraparte dos países onde se traballa, fuxindo dos paternalismos e asistencialismos, traballando man a man para, entre todas, dar resposta ás problemáticas detectadas.
A ubicación desta actividade no espazo público do Cuadrado, responde ao propósito de ocupar os espazos públicos das vilas e cidades galegas, co fin de favorecer a accesibilidade de toda a poboación ás accións de sensibilización e concienciación social.
Desenvolvemento da actividade
A actividade terá unha duración aproximada dunha hora e media. Despois da proxección das curtametraxes seleccionadas, as persoas asistentes terán a oportunidade de participar nun coloquio.
Este espazo permitirá que compartan as súas impresións, que formulen preguntas e dialoguen coas técnicas do Fondo Galego, quen estarán presentes para facilitar a actividade e fomentar unha conversa enriquecedora arredor das temáticas tratadas.
Finalidade
A través das catro curtametraxes, búscase achegar á cidadanía dos concellos un anaco da realidade de Guatemala, un dos países prioritarios para a cooperación galega. Ademais, quérese mostrar como os esforzos realizados pola cooperación galega contribúen a mellorar as condicións de vida das persoas destes países.
En cada unha destas curtas veranse catro dereitos fundamentais que son vulnerados en Guatemala (soberanía alimentaria, vivenda digna, acceso á auga e educación) e como a través da Cooperación Internacional se intentan protexer, defendendo estes dereitos non só dun xeito asistencialista, senón incidindo para que os responsables das obrigas cumpran con elas e fortalecendo as capacidades das persoas responsables de dereitos.
Gloria Prada concluíu animando “ós monfortinos e monfortinas así como as persoas que nos visitan a que acudan este xoves 12 ó Cuadrado, ás 8 e media da tarde, e participen desta sesión de cine na rúa arredor da cooperación e a solidariedade”.